Presunta petición do goberno español de atrasar a decisión até despois do 9 de marzo.
O próximo 3 de febreiro vai ter lugar a segunda volta das eleccións en Serbia. Con probabilidade, ese factor pesará na xuntanza que este luns van celebrar os ministros de Exteriores da Unión Europea. A decisión que sobre o apoio a Cosova poderían tomar os ministros, quedaría así aprazada, para tratar de non favorecer as propostas máis nacionalistas neses comicios.
Oficialmente, o tema de Cosova saíu por iso fóra da orde do día da reunión. A UE pretendería así favorecer a candidatura do pro-europeo Boris Tadic fronte ao nacionalista pro-ruso Tomislav Nikolic, gañador este último da primeira volta.
Por outro lado, o primeiro ministro cosovar, Hashim Thaci, evitaba en días pasados confirmar se existía unha petición formal desde o goberno español, tal e como apuntaran varios medios, ao respecto do aprazamento da declaración de independencia de Cosova até despois das eleccións xerais do 9M.