A Asemblea do Suído organiza as III Xornadas sobre a problemática do lobo, co gallo da presentación do traballo de investigación "Estudo da interacción entre o lobo (Canis lupus) e o cabalo (Equus cabalus) no sur da provincia de Pontevedra"
A investigación (subvencionada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel) foi coordinada polo doutor en ecoloxía Ignacio Munilla Rumbao e levada a cabo polo licenciado e doutorando en bioloxía, Santiago Barciela García.
Os resultados do traballo tiran datos relativos ao efecto da predación do lobo nos parámetros demográficos dos cabalos, ao comparar as serras con presenza de lobo coas que non a teñen. Tamén é interesante o resultado das entrevistas sobre a percepción do lobo polas persoas da zona. A Asemblea do Suído (FEG) procura unha solución ao conflito xerado pola predación do lobo no gando extensivo, tal como se reflicte en moitas das actividades realizadas en todos estes anos (xornadas, mesas redondas, charlas, conferencias, exposicións...). Agora con este estudo, a asociación quere facer unha nova achega á solución deste conflito na zona.