A asociación critica as contradicións que existen no seo do partido e considera que o seu único obxectivo é provocar crispación.
A Mesa pola Normalización Lingüística pídelle á dirección do PP que defina o modelo lingüístico que defende para o ensino. Para a asociación, o partido "carece dunha postura minimamente clara", pois xa votara anteriormente a prol da galeguización do ensino "no 2001, no Congreso; no 2004, no Parlamento galego polo 50%" e no 2007 defendeu un decreto "que decidiu criticar a última hora, para terminar defendendo a aplicación para Galiza do modelo vasco".
Segundo A Mesa, o PP carece dun modelo estabelecido para a lingua, e dependerá "de quen fale", o que demostran as diferentes posturas dos seus membros, Mariano Rajoy contra o galego como lingua de docencia, Manuela López Besteiro a prol "do modelo vasco" e Núñez Feijoo, a favor do 50%.
A entidade pensa que o partido procura "a crispación nun tema tan importante para a convivencia e a cohesión social", sen ter "un modelo claro para propor e ni tan sequera un compromiso" de que se respecten os acordos. E iso despois de ter votado "en favor de todas as leis", que agora "critica con tanta escandaleira cínica".
Incumprimento da lexislación
Porén, A Mesa asegura que o cumprimento da lexislación lingüística non mudou "de xeito relevante coa actual Consellaría de Educación" e tacha de "calamitosa" a situación actual no galego, maiormente na etapa infantil. "Nin antes o PP nin agora o PSOE fixeron cumprir a lexislación", o que "pon en perigo a cohesión social e o futuro da cultura galega".