Os ollos de K (Antón Riveiro Coello, Galaxia) e Cuspirei sobre as vosas tumbas (Boris Vian, Faktoría K), a exame.
O Cartafol de libros publica dúas novas críticas. Heitor Mera ocúpase en Cerna Narrativa de Os ollos de K, de Antón Riveiro Coello e publicado por Galaxia. Mera escribe que "Léndomos a última novela de Riveiro Coello poderemos entender moito mellor a importancia do depredador, entenderemos mellor tamén a incidencia na vida dese depredador e, como lectores, poderemos chegar a entender algunhas das realidades creativas destes homes e mulleres que se dedican á literatura".
Pola súa banda, Mario Regueira escribe en Todas as caras da violencia sobre Cuspirei sobre as vosas tumbas de Boris Vian, editado por Faktoría K e traducido por David Gippini. Regueira salienta que "A violencia non se ofrece dun xeito completamente gratuíto, como un engado para o lector ávido de sensacións fortes, senón que forma parte dun discurso, que sen ser abertamente político, si que problematiza a súa presenza na sociedade apelando a cuestións complexas".