Unha empresa británica está a estender a fibra óptica en tres cidades a través da rede de sumidoiros.
No Reino Unido estase a experimentar un novo xeito de levar a internet aos fogares. Neste caso, trátase de fibra óptica e de velocidades de 100 megabits por segundo. A empresa H2O achegará a banda larga a través da rede de sumidoiros ás cidades de Bournemotuh, Northampton e Dundee.
Estender a fibra a través dos canos evita as incomodidades de ter que furar as rúas, e permite cubrir unha área de dous quilómetros en catro horas, en lugar de entre seis e doce meses. Ademais, resulta un 80% máis barato. O mesmo método xa o está a empregar tamén a empresa londiniense Geo.
Coa introdución da internet a 100 megas, as compañías británicas pretenden romper co atraso que tiña a illa en velocidade de acceso á rede, e que xa estaba a causar preocupación no Goberno. Co largo de banda da fibra óptica poderanse fornecer servizos de vídeo de alta definición baixo demanda, videoconferencia, descargas rápidas e sistemas de circuíto pechado de vídeo.