A vida deste revolucionario chega á súa vila natal por medio das fotos do seu fillo, Federico Fernández Ackermann.
O comandante Soutomaior. Foto: prensa portuguesa
O Premio Nacional de Fotografía de Venezuela, Federico Fernández Ackermann, fillo do comandante Soutomaior, achega á Pobra do Caramiñal unha mostra na que se recollen as instantáneas máis representativas da vida do seu pai, fundador do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL).
A Casa da Cultura da localidade barbanzana será o escenario onde o venres 25 de xaneiro se inaugure esta exposición que leva por título O meu pai o inmigrante. A mostra está composta por 47 cadros artístico-biográficos de Federico Fernández, sobre o seu pai, o revolucionario internacionalista pobrense, comandante Soutomaior, escritor e un dos principais actores do secuestro do barco portugués Santa María en 1961.
A exposición está organizada pola Asociación Galega de Emigrantes Retornados (AGER) e a Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados baixo a supervisión do seu presidente, Xurxo Martínez Crespo, grande coñecedor da vida do comandante Soutomaior ao que lle dedica un amplo traballo de pescuda na súa última obra: Unha ollada fotográfica.