Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
MARÍA RUÍDO, ARTISTA

"A combinación 'memoria histórica' é un oxímoro imposible"

Hai sempre indignidade no acto de falar polos outros, estimaba o filósofo Michel Foucault. Tampouco María Ruído pretende dar voz ou representar os vencidos da Guerra Civil española. Así e todo, no Plan Rosebud darían atopado, eles e nós, unha caixa de ferramentas contra o poder da memoria colectiva. Unha entrevista de Aurelio Castro con fotografías de Cristina Silva.

TEMPOS Novos - 09:42 24/01/2008

Que está resultando da nova lexislación da memoria?

Un modelo de relembranza, de aniversario, como diría o xerente de Eden Camp, completamente inofensivo. O patrimonio desa memoria colectiva, máis ou menos limada, contada dende unha perspectiva que apoia a construción dunha determinada forma de estado, pasou a ser parte dun programa electoral e un asunto de partidos. Aquí estase esquecendo que houbo un ciclo de loitas de trinta anos, con asociacións non recoñecidas que xa levantaban fosas nos anos 70, en Aragón ou en Cataluña. E que polo tanto, a memoria correspóndelle e ha de reverter na sociedade civil.

Xulio Prada diferencia n´A escena do crime entre historia e memoria, por ser a segunda máis emocional e intuitiva. Tal condición vólvea tamén máis apropiábel?

A combinación "memoria histórica" é unha especie de oxímoro imposible. Son dúas cousas distintas que empregamos dun xeito solapado. É obvio que a historia é un relato académico, que se nutre da memoria. Pero a memoria colectiva constrúese a través de moi diferentes axentes institucionais de poder, dende a escola ata os media. Converte o documento en monumento. En algo inamovible, que non se pode pensar doutra maneira, que é así. Explicábame Carme Molinero que un labor dos historiadores consiste en delimitar ambas e repensar a segunda documentalmente. Non para se apropiaren dela, senón para desentrañar esa institucionalización que ademais, depende do momento e do lugar. A historia é sempre presentista, dende logo, pero a memoria colectiva éo absolutamente.

E como se vai tecendo a súa verdade?

Curiosamente, funcionan as súas formas de produción máis tradicionais: a testemuña e o arquivo. "Teño imaxes da época e daquela isto foi verdade", cando sabemos que hoxe en día pode facerse un fake de calquera feito. Que vivimos nun mundo de imaxes dixitais, sen índice. Amais, os procesos de museización e de turistificación son concorrentes, malia que só estea ben visto o primeiro. Son grandes máquinas, grandes dispositivos de verdade e relato das memorias colectivas. Esnaquizan a posibilidade dun recordo plural. Outra gran parte tócalle á narrativa educacional. No caso da Guerra Civil española, non se completou aínda o desmantelamento da verdade naturalizada durante o franquismo. Se non, por qué tanta lata por unha lei de mínimos.

A narrativa sobre a II Guerra Mundial si que parece ben acabada.

Está moi clara. Tras do ano 45, o Estado británico e en menor medida, o francés, edifícanse segundo a idea de vencedores do fascismo. De libertadores. Respecto dos EE.UU., a pantalla sobre Normandía explica como foi que coñecemos a historia da IIGM a través do seu cinema. Que é tamén unha das grandes tecnoloxías de verdade.

Benjamin propuña un relato a través do fragmento, das arruínas, para os vencidos da historia.

Sería inxusto elaborar unha narrativa épica. E supoño que é o que menos querería alguén que viviu a Guerra Civil e logo a chegada dun estado de dereito. Ou ao mellor si. Tampouco me prace facerme pasar pola voz de ninguén. Se non acredito moito na democracia representativa, como vou crer no feito representacional, no senso de dar voz. Podo ser acaso unha mediadora, unha espigadora que recompón fragmentos. A miña posición cadra coa reflexión, co distanciamento. Impórtanme máis os mecanismos e dispositivos dos relatos, que contar a historia. Con todo, esas persoas están presentes, por suposto, no Plan Rosebud.

Casa mal ese distanciamento coa necesidade de restitución de tanta xente?

Iso estaba pensando. Entendo esa necesidade e que ao mellor coiden que a miña postura é un tanto fría. Por exemplo, cando entrevisto a Fundación Francisco Franco. Pero interésame como manexan o seu relato, malia que pense que son o que son. A miña vontade era desviar o foco da cousa mediática, dunha verdade absoluta, inexpugnable. Do contrario, a esquerda real fariámonos un fraco favor. Porque o relato épico non permite a discrepancia. Non hai antagonismo nin disenso: ou estás nel ou non estás.

A entrevista completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 128, xaneiro de 2008)


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Sería inxusto elaborar unha narrativa épica. E supoño que é o que menos querería alguén que viviu a Guerra Civil"
"Sería inxusto elaborar unha narrativa épica. E supoño que é o que menos querería alguén que viviu a Guerra Civil"