A máis recente das iniciativas xurdidas do magma cultural galego barcelonés, Rede.cat, presenta o seu proxecto na máis antiga das entidades galegas de Catalunya, o Centro Galego de Barcelona.
En Rede.cat entendemos que a cultura é unha parte viva de nós mesmos e que depende máis da vontade que da herdanza de cada un. Somos persoas que nos identificamos coas culturas galega e catalá, á marxe do noso lugar de nacemento. E isto é ante todo o resultado dunha adhesión libre e consciente, máis ca unha imposición por motivos de orixe ou residencia.
Por iso a sociedade que Rede.cat defende é unha sociedade intercultural e dinámica, unha sociedade aberta ao intercambio de ideas e de formas de crear o mundo. E coidamos que ese intercambio só se pode dar verdadeiramente en igualdade cando os dereitos cidadáns se universalizan, a xustiza social é unha, e existe unha aceptación -e non unha declaración de intencións- práctica indiscutida da realidade dos outros.
Rede.cat cumpre un ano de traballo e de achega das culturas galega e catalá, e segue adiante coa vontade de consolidar un proxecto innovador e aberto. Presentamos agora, 115 anos despois da fundación do Centro Galego de Barcelona, a Axenda Cultural Galega de Catalunya para o ano 2007-2008. A Axenda contén todos os actos que, ao longo dese tempo, realizarán as diversas entidades que forman Rede.cat, así como os que organiza a propia Rede de maneira unitaria: teatro, música, pensamento, arte, literatura, educación, cultura de rúa...
Presentación pública da Axenda Cultural Galega 2007-2008 de Rede.cat
Sábado 26 de Xaneiro, Centro Galego de Barcelona
Presentado por Alberte Montes e Eva Méndez.
19:30 h. Presentación de Rede.cat. Rede.cat, un novo modelo con futuro. A cargo do Sr. Xosé Luís Vergara, Director de Empresa e Asesor en Comunicación.
19:50 h. Proxección audiovisual Axenda Cultural Galega 2006-2007.
20:10 h. Crónica da Axenda Cultural Galega 06-07. Ondas activistas, maré de cultura. A cargo do Sr. Lito Caramés Bouzán, Profesor de Ciencias Sociais e Lingua e Cultura Galegas.
20:30 h. Presentación da Axenda Cultural Galega 2007-2008. A cargo do Sr. Xose Mari Sancho, Músico e Dinamizador Cultural.
20:45 h. Peche do acto. A cargo do Sr. Alberte Montes.
Centro Galego de Barcelona
Rambla dels Caputxins, 35-35
Entrada libre