O plan Bush, máis que calmar os ánimos provocou un efecto contrario.
Este martes o IBEX 35 despertouse de novo en números vermellos, despois de que onte sufrira a maior caída da súa historia dende que nacera en 1992, concretamente derrubouse un 7,5%.
Os parqués europeos tamén iniciaron a xornada con fortes descensos. Na apertura Dax alemán perdeu un 5,2% ata os 6.435,79 puntos, o Ftse de Londres caeu un 4,27% marcando 5387 enteiros. Pola súa parte, o francés Cac 40 abriu cunhas perdas do 2,75% ata os 4.613,79 puntos.
Todo isto debido aos temores de recesión nos EEUU e polas dúbidas sobre as medidas anunciadas o venres polo presidente George W. Bush van se suficientes para relanzar a economía do país, parecen ser os motivos principais destas fortes baixadas. Lembremos o dito: cando EEUU esbirra, Europa arrefríase.
Ao mediodía chegou a “sorpresa” da xornada, a Reserva Federal Americana (Fed) nunha reunión de urxencia recortou os tipos de xuro dos Estados Unidos 0,75 puntos, ata o 3,5% e as bolsas europeas tomaron a decisión con fortes rebotes a alza que ao final quedáronse niso, en meros rebotes, e os índices volveron aos niveis previos ao anuncio. É a primeira vez dende o 11-S que se produce unha decisión deste tipo sen estar previamente establecida.
Esta medida máis que calmar os ánimos provocou un efecto contrario, xa que unha decisión tan drástica como a tomada hoxe pon en evidencia que a situación pode ser máis grave do que se pensaba.
Máis tarde chegou o esperado inicio de xornada dos mercados americanos, que como se esperaba abriron fortemente a baixa, con perdas próximas ao 5%, facendo oídos xordos a decisión da Fed, o que non contribuíu en nada a manter en calma aos inversores.
Polo tanto, xornada de extrema volatilidade, na que todo pode suceder, dende un forte rebote a alza das bolsas mundiais ou un incremento das perdas, polo tanto, o único claro nesta situación é que hai que manterse fora dos mercados a espera de que se defina unha tendencia clara.