Os especialistas no viño e na boa comida reuniranse no Pazo de Congresos da capital do país coincidindo co Fórum Gastronómico.
Os blogueiros especializados no bo comer e no bo beber reuniranse o 18 de febreiro en Compostela no primeiro encontro de blogueiros enogastronómicos, que se vai desenvolver no marco do Fórum Gastronómico Santiago'08. A cita será de catro a oito da tarde no Pazo de Congresos e Exposicións e contará con dúas sesións de traballo e un coloquio.
Para poder participar é condición indispensábel ter un blog en que se fale de gastronomía ou de enoloxía, aínda que eses non sexan a súa única temática. Os blogoenogastrónomos poderán, deste xeito, asistir ao Fórum Gastronómico de balde cunha acreditación de prensa.
O programa abrirao ás catro da tarde Manuel Gago, director de CulturaGalega.org e profesor asociado da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Presentará a primeira sesión de traballo, sobre últimas tendencias na internet gastronómica. A partir das cinco e media, desenvolverase un diálogo sobre as crónicas enogastronómicas a cargo do blogueiro Carlos Maribona, o presidente da Academia Española de Gastronomía, Rafael Anson, e o crítico gastronómico de El Periódico Pau Arenós. Moderará Pep Palau. A segunda sesión de traballo, sobre novas fronteiras entre o dixital e a gastronomía, presentada pola profesora da Universidade de Vic Irene García Medina, clausurará a xornada.