Vieiros

Vieiros de meu Perfil


FSM

Xestionado por Vieiros
RSS de FSM
Foro descentralizado neste 2008

Ideas para cambiar o mundo? Falemos!

Propoñer, debater, intercambiar, activar... Valores que impulsan desde hai oito anos a iniciativa de mobilización mundial xurdida arredor do Foro Social Mundial.

Redacción - 09:00 23/01/2008

Portoalegre converteuse hai anos en referencia da capacidade cidadá de organizarse para promover o debate de propostas sobre a idea de que "Outro mundo é posíbel". Aproveitaron para isto os seus promotores as mesmas datas nas que se celebraba o Foro Económico de Davos. Así, e de xeito paralelo, o Foro Social foi medrando en importancia e prestixio como punto de reflexión de alternativas as receitas que os grandes xigantes da economía deseñaban.

Exemplo do éxito da presión e as construtivas propostas que xurdían desde Portoalegre foi o feito de que anos despois, a propia cita de Davos transixía e incluía na súa axenda temas que habitualmente quedaran fora, coma é o caso da loita fronte ao cambio climático. A proposta que en 2005 facía o daquela presidente de Francia, Jacques Chirac, en favor dunha taxa sobre as transaccións financeiras internacionais que fornecese un fondo especialmente adicado á loita contra a Sida, e sobre a que avaliaba Chirac que podería recadar 10 mil millóns de dólares cada ano é un dos exemplos concretos. Outro exemplo: a participación do presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, introducindo no seu discurso no Foro Económico de Davos reflexións directamente tiradas do Fórum Social Mundial.

En 2008, o FSM segue camiño e desta volta sen unha cidade concreta onde concentrar as actividades. Os colectivos promotores acordaron que nesta edición se trate dun Foro "descentralizado". Os obxectivos seguen a ser os mesmos: servir á creación de espazos abertos e de punto de encontro para colectivos sociais, ONGs, redes e plataformas diversas; unir voces e esforzos para propoñer cuestións, debater ideas, formular iniciativas, compartir experiencias e desenvolver proxectos de acción concretos.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: