Cuba, o mar e unha homenaxe a Xabier P. Docampo centrarán as actividades.
No Salón haberá moito máis que libros e presentacións editoriais, e de igual xeito, as actividades sobardarán os límites do Pazo da Cultura de Pontevedra e tamén as datas de celebración estrita do evento. Dende esta semana e durante todo o mes de febreiro espallaránse pola cidade exposicións, representacións teatrais, proxeccións audiovisuais, obradoiros de creación literaria mais tamén de vídeo, danza e graffitis.
Unha boa parte das actividades estarán centradas no Mar, temática escollida para esta edición, e en Cuba, país convidado, quince días antes de que Galiza reciba un tratamento equivalente na Feira do Libro da Habana. No Salón estarán presentes autores como Rosa Aneiros, Marta Dacosta, Miguel Vázquez Freire, Paco Martín e Yolanda Castaño. Ademais, participará a catalana Teresa Durán e Antonio Ventura, director de Anaya Infantil e Xuvenil.
Actividades de todo tipo e para todos
O Salón do Libro naceu en 1999 e celebrará o vindeiro ano a súa décima edición, cada vez máis integrado na vida da cidade de Pontevedra. En parte isto débese á variedade de actividades que cada ano organiza, alén das naturais presentacións de libros e da presenza de stands das editoriais no Pazo da Cultura. No propio Pazo poderán verse até nove exposicións, entre elas Vai de Mar, de Galix, Maquetas a mares, dos alumnos da Facultade de Belas Artes, A ilustración en Cuba ou Xabier P. do Campo, Tecedor de Contos. Tamén a Biblioteca Municipal, a Galería Sargadelos e o Instituto Torrente Ballester acollerán exposicións.
Haberá tamén obradoiros, tanto para nenos como para adultos. Para os pequenos, haberá cursos de poesía, de ilustración, de música e mesmo de creación de curtas co móbil, organizado pola produtora Mister Misto. Así mesmo, RAS impartirá un obradoiro de Graffitis do 28 de xaneiro ao 1 de febreiro. Entre os dirixidos a adultos, destaca os que ofrecerán os escritores Xosé Miranda, Yolanda Castaño ou a cubana Luisa Campuzano.
Igualmente haberá teatro, con varias representacións que terán o Pazo da Cultura e o Teatro Principal como escenarios. Entre elas, Los domingos no hay piratas, La isla del tesoro, El viejo y el mar ou El Ladrón de Islas. Hai que salientar que mesmo haberá unha obra dirixida especialmente a bebés: Glub, glub. E máis: conferencias, mesas redondas e concertos, para completar un programa que terá na última semana de xaneiro e primeira de febreiro o seu núcleo, pero cuxas actividades chegarán até mediados de marzo.