A pesar de ter moita vantaxe sobre os outros partidos (8 deputados dos 33 que hai), poderíase formar unha coalición unionista que os botase do goberno.
Detalle do escudo das illas
As Illas Feroe son un arquipélago de 18 illotes situadas entre Islandia e Escocia. Con preto 48 mil habitantes teñen un goberno autónomo baixo a soberanía dinamarquesa, que posúe as competencias de defensa e asuntos estranxeiros.
As illas viviron tradicionalmente da agricultura, do gando (hai máis ovellas que persoas) e da pesca, mais hai poucos anos achouse unha reserva de gas e de petróleo que mudou abondo a vida dos habitantes das Feroe.
Sempre houbo arelas independentistas, e en 2001 mesmo chegaron a presentar unha proposta de referendo para votar a favor ou en contra da secesión, mais o proceso parou porque o goberno de Dinamarca ameazou con suspender toda axuda económica se a consulta pública ía para adiante.
Os independentistas gañan as eleccións, mais podería gobernar unha coalición unionista
Este sábado celebrábanse eleccións ao goberno autonómico das Illas Feroe, que finalmente gañou o partido independentista República, segundo os resultados feitos públicos esta segunda feira co 100% dos votos escrutados. Co 23,3% dos votos, sumaron 8 deputados.
A outra cara é a do Partido da Unión, gañador das últimas eleccións, que foi castigado polos electores, perdendo o 2,7% dos votos e sumando só 7 deputados dos 33 que había en xogo.
Tamén conseguiron deputados o cristián e unionista Partido de Centro (3 deputados) e o social-liberal e soberanista Partido polo Autogoberno (2 deputados).
Cos mesmos deputados (7) ficou o conservador Partido do Pobo, que tradicionalmente defendía un aumento do autogoberno feroés e que dende 1994 se proclamou independentista (aínda formando goberno cos unionistas Partido da Unión e o Partido Socialdemócrata, co 19,4% dos votos e 6 deputados). Os líderes destas tres formacións, durante a pre-campaña, xa falaron de negociar para tentar repetir no goberno.
Björk, a favor da independencia
A cantante e compositora islandesa, Björk, canta no seu último álbum unha canción pola independencia das Illas Feroe e de Grenlandia.
Declarade a independencia! (Declare Independence!) é o título do tema, no que Björk anima a uns e a outros a independizarse de Dinamarca, instándoos a "abrirlle os ollos" aos "malditos colonialistas", a declarar a independencia e a protexer a lingua propia.