Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'GOBERNAR O DESCONTENTO'

Renacen Arredemo e o Foro Negro

O mércores pola tarde vaise celebrar un acto no IGI para apoiar a Díaz Pardo e presentar o nº 0 de 'Galicia' o xornal soñado polo intelectual galeguista.

Redacción - 09:00 22/01/2008

O sábado o Instituto Galego da Información acolleu a presentación da nova xeira de Arredemo, a rede social que xurdira ao calor das mobilizacións que seguiron ao afundimento do Prestige. A asemblea nas que se volveu constituír a rede convocouse baixo o lema de A necesidade de gobernar o descontento, e nela participaron numerosos colectivos sociais de todo o país, así como persoas a título individual. Arredemo tivo paralizar a súa actividade en dúas ocasións, por problemas de financiamento. Renace agora con vontade de permanencia, ofrecendo servizos de aloxamento e xestión web aos colectivos sociais e servindo como medio de comunicación independente.

Na web de Arredemo, posta en marcha a mañá do luns pódense ler artigos sobre a política lingüística, o Courel, a supervencia do rural, a defensa do medio ambiente, as multinacionais galegas, a dinamización socio-cultural ou Díaz Pardo. Entre os primeiros colaboradores da rede aparecen sinaturas coma Sechu Sende, Margarita Ledo, Xesús Alonso Montero, Pedro de Llano, Marilar Aleixandre, Martin Woo, Carlos Meixide, Xabier Vázquez Pumariño, Fermín Bouza, Martiño Noriega, Xosé Manuel Sarille ou Xelís de Toro. Así mesmo, ligazóns ás webs de colectivos coma o Comité de Defensa da Ría de Ferrol, SOS Courel, Cangas non se Vende ou os colectivos en solidariedade con 'Os 3 do Eixo' ou en contra do Plano Acuícola da Xunta.

Canda a Arredemo renace o Foro Negro, que nacera en decembro de 2003 convocado por Burla Negra para abrir un espazo de comunicación, acción e reflexión ao servizo da transformación da realidade cultural do país. O Foro Negro, que tamén celebrou o sábado no Instituto Galego da Información a súa primeira asemblea nesta nova xeira, nace para reflexionar sobre a actividade de Arredemo e debater de que forma se pode mellorar o traballo dos colectivos incluídos na rede.

Primeiro e último número do xornal Galicia
Arredemo presentará este mércores o primeiro e último número do xornal Galicia, o gran proxecto editorial do Instituto Galego da Información e de toda unha xeración de galeguistas, impulsado por Luis Seoane, Lorenzo Varela e Díaz Pardo, entre outros, e institucións coma a Fundación Penzol e o Laboratorio de Formas de Galicia. Este número cero terá 24 páxinas, e del editaránse tres mil exemplares, a metade para difundir nos quioscos. O xornal Galicia tamén estará dispoñible no novo portal de Arredemo para a súa descarga gratuíta. No xornal publicaranse ao redor de corenta artigos e ilustracións, con destacadas colaboracións como Beiras, Xosé Luis Barreiro e Margarita Ledo.

O martes ás oito da tarde inaugurarase na sede do IGI a exposición de urxencia dos Fondos documentais do Instituto Galego da Información. O mércores pola tarde, tamén no IGI, está convocado un acto de apoio a Isaac Díaz Pardo. A convocatoria é ás sete e media, hora prevista de remate do Consello de Administración da institución, e que con toda seguridade reteirará ao intelectual as derradeiras competencias que lle restaban dentro do IGI e de Sargadelos. Nese acto terá lugar a presentación do número cero do Galicia.


4,6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: