Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
CO INFORME PISA AO FONDO

Desazón nas aulas

De que son síntoma as carencias en educación? Agora que PISA volveu cargar as tintas sobre as feblezas do sistema educativo, cómpre reflexionar sobre as responsabilidades, non só das aulas, senón tamén das familias, das políticas públicas e da propia sociedade. Unha reportaxe de Iago Martínez e Belén Puñal.

TEMPOS Novos - 17:10 18/01/2008

O informe PISA acendeu a luz de alarma mediática sobre a calidade do sistema educativo. Ao igual que xa acontecera en 2003 e en 2000, os datos desvelaron máis unha vez que as e os estudantes españois de 15 anos non chegan á media dos países da OCDE nas tres competencias básicas estudadas polo organismo, a matemática, a científica e -a máis deficiente- a lectora. En Galicia, que por primeira vez contou con mostra diferenciada en PISA, os resultados foron superiores aos estatais nas tres competencias (en matemáticas e, de modo destacado, en ciencias, superaron tamén a media OCDE), mais tamén amosaron carencias notábeis no que se refire á lectura.

O informe deu lugar a lecturas de todo tipo, dende as máis catastróficas até as máis positivas, pasando polas que tentan relativizar os resultados. Neste último caso, insístese en que nun ránking non todos poden quedar os primeiros. Ademais, nun baremo situado sobre os 500 puntos de media sobre as puntuacións medias dos países da OCDE cunha desviación típica de cen puntos (é dicir, aproximadamente as dúas terceiras partes do alumnado participante sitúase entre os 400 e os 600 puntos) as diferenzas de décimas non teñen a mesma dimensión que nun exame no que se avalía de 1 a 10. O feito de que en cada edición o número de países participantes varíe e de que se lle conceda en cada ocasión maior importancia a unha das competencias (nesta ocasión, o informe centrouse en Ciencias) é argüído para insistir en que convén matizar á hora de realizar análises comparativas de carácter diacrónico.

Por outra banda, é preciso ter en conta o contexto do ensino español, cunha ampliación aínda recente da escolaridade obrigatoria até os 15 anos e o paso a un sistema educativo de carácter comprensivo. "Se consideramos os retos que socialmente se enfrontan, que os orzamentos viñeron sendo menores, que tivemos que incorporar cambios e modificacións nun período máis curto de tempo, tampouco poderiamos dicir exactamente que os resultados son mediocres", afirma o profesor de Ciencias da Educación na USC, Antón Costa Rico.

Aínda relativizado PISA, non se pode negar o seu valor como radiografía das fortalezas e debilidades do sistema educativo. Entre os elementos máis preocupantes, o feito de que o ensino español se sitúe por debaixo da media da OCDE e o estancamento, tamén a nivel estatal, en cada unha das competencias analizadas (retroceso manifesto no caso da capacidade lectora) con respecto ao 2003. Mentres en ciencias e matemáticas os resultados son lixeiramente inferiores ao informe anterior (caída de cinco puntos en matemáticas e dun punto en ciencias), en comprensión lectora o descenso con respecto ao 2003 chega aos 20 puntos.

Os datos amosan tamén que o sistema falla na excelencia. O 5 por cento dos mozos e mozas participantes no ámbito estatal e o 7 por cento en Galicia sitúanse entre o alumnado cun nivel de rendemento superior, mentres a media da OCDE está no 9 por cento. En compensación, a porcentaxe de estudantes con rendementos inferiores (o 20 por cento en España e o 14 por cento en Galicia) é inferior á media OCDE (23 por cento).

PISA ofrece, asemade, un dato para a reflexión. Se non fora polo fracaso escolar -en Galicia é do 18,9 por cento segundo a Xunta e do 23,9 por cento segundo a revista Maxisterio, e en España é do 30 por cento segundo a OCDE-, os resultados poderían ser moito mellores, dado que o informe tamén inclúe alumnado de quince anos que está repetindo cursos anteriores (o 41 por cento do alumnado galego de 15 anos que formou parte da mostra era, de feito, repetidor). "Os alumnos que están en 4º da ESO e non repetiron ningún curso acadan os 528 puntos- o dato, sinalado por Gelo Portomeñe, membro do secretariado nacional do Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia, fai referencia as resultados en ciencias no ámbito estatal- "Con esa puntuación estaríamos na posición 7 da OCDE", puntualiza.

Entre os resultados positivos, fundamentalmente dous. Por unha banda, destaca o feito de que o sistema educativo estatal e galego sexa superior en equidade á media da OCDE (entendida a equidade como o menor grao de dispersión e a maior homoxeneidade entre as puntuacións individuais obtidas polo alumnado). Galicia é ademais, tras Finlandia, o segundo país con menores diferenzas entre centros. Mais cómpre facer un matiz. É certo que non hai grandes diferenzas de rendemento entre o alumnado, pero os resultados tenden máis ao modesto que ao excelente, tanto no estado como en Galicia. Dos seis niveis de rendemento que distingue PISA na competencia científica, o 3 por cento dos alumnos galegos non chegan ao máis baixo, o 11 por cento sitúase no 1, o 27 por cento no 2, o 31 por cento no 3, o 21 por cento no 4, o 6 por cento no 5 e o 1 por cento no 6.

Por outra banda, destacan os bos resultados de Galicia en ciencias (materia que se imparte en galego, o que desmitifica os supostos influxos negativos da lingua no rendemento académico) e tamén en matemáticas.

PISA é unha radiografía mais non facilita diagnósticos canto aos porqués. Non existen, nin en España nin en Galicia, mecanismos de avaliación propios que permitan facer unha análise máis completa das debilidades do sistema educativo. "Nas tres últimas leis educativas -lembra o escritor e profesor de ensino secundario, Miguel Vázquez Freire- falábase da posta en marcha dun instituto de avaliación do sistema educativo, e aínda estamos esperando por el". Un primeiro paso serán, porén, as probas de avaliación que se porán en marcha en cuarto de primaria e segundo da ESO a partir do vindeiro curso, derivadas do proceso de implantación da LOE, segundo destaca José Barral, orientador educativo en Primaria e membro dos consellos escolares galego e estatal.

A responsabilidade da escola

Dende os primeiros informes PISA, sectores conservadores tentaron achacar os malos resultados á LOXSE e á implantación do modelo comprensivo polo que avogaba. Porén, o feito de que tanto Finlandia -un dos mellores exemplos de aplicación eficaz do modelo comprensivo- como Corea do Sur (cun sistema de carácter máis próximo ao segregado) acaden os mellores resultados de PISA, amosa que non é tanto cuestión do modelo como do modo en que se aplique. Aí radicou o pouco éxito da LOXSE: o intentar atender a un alumnado moi variado sen contar cos recursos suficientes nin sopesar convenientemente o profesorado co que se contaba e a súa implicación.O sistema educativo español segue máis baseado na aprendizaxe memorística que na asimilación de competencias. Os currículos están sobrecargados de contidos que impiden unha concepción da aprendizaxe baseada nun papel máis activo do alumnado. As presións políticas dificultan que os distintos gobernos se atrevan a unha redución no currículo por mor de ser acusados de rebaixa na calidade, tal e como sinala Costa Rico.

O ensino das linguas máis ben procura a formación de pequenos e pequenas filólogas que de cidadáns capaces dunha completa comprensión lectora e escrita. E as deficiencias nestas competencias básicas rematan por incidir na aprendizaxe do resto das materias, que tamén deberan prestar atención á lectura e á escrita. "Xa non é un problema dos profesores de lingua, é un problema de cada profesor na súa área de contido. Unha das súas prioridades debera ser ensinar a comprender textos para aprender, e sobre todo a escribir textos para aprender", insiste o profesor de Ciencias da Educación da USC, Andrés Suárez Yáñez. Mais as causas da baixa comprensión lectora poden buscarse tamén fóra da escola. Para Agustín Fernández Paz, escritor e exprofesor de lingua galega na secundaria, as solucións pasan non só por darlles unha volta ás políticas educativas, á procura dun ensino menos memorístico, senón tamén ás culturais, cunha adecuada promoción da lectura.

A reportaxe completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 128, xaneiro de 2008)


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: