Medio Ambiente salienta que cubrirán por primeira vez os danos producidos no gando que se cría en liberdade, mais non aclara se aumentará o persoal técnico.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a orde de axudas para paliar os danos do lobo correspondentes a 2008. A Consellaría de Medio Ambiente salientou que cubrirán, por primeira vez dende a súa creación, en maio de 2003, os danos producidos no gando extensivo, é dicir, o que se cría en liberdade.
Porén, o departamento que dirixe o Manuel Vázquez non aclara se haberá un aumento no persoal técnico encargado de avaliar os danos, nin o grao de profesionalización deste equipo. Neste senso, tanto ecoloxistas como gandeiros reclaman que sexan expertos biólogos no lobo os que cumpran este labor e non veterinarios ou membros da Garda Civil.
O director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, afirmou que a adopción deste tipo de medidas ten como finalidade conciliar os intereses dos gandeiros coa pervivencia das especies, neste caso, o lobo. Neste senso recordou que o ano pasado foi o primeiro en que se subvencionou o gando equino.
Aínda que a partida orzamentaria aumentou lixeiramente con respecto ao ano pasado, a Consellería de Medio Ambiente dispón para 2008 dun orzamento de só 60.000 euros.