O ciclista de orixe galega denunciou ao organismo do ciclismo estatal por impedirlle correr no Mundial de Nova Zelandia, en 2006.
En agosto de 2006 a Federación Española de Ciclismo decidía apartar a Xosé Antón Hermida, subcampión olímpico de bicicleta de montaña, do Mundial da especialidade, que se ía celebrar en Nova Zelandia, tras saberse que o seu nome aparecía nas listaxes de ciclistas con posíbel implicación na "Operación Puerto", a meirande feita no Estado Español contra a dopaxe neste deporte.
A Garda Civil vinculaba, naquela altura, a Hermida co corredor que recibía o tratamento dopante do doutor Eufemiano Fuentes, baixo o alcume de Catalán.
Este domingo Hermida, aos seus 29 anos, volvía demostrar que segue a estar na elite deste deporte, ao revalidar o título de campión estatal de ciclocrós, impoñéndose na proba disputada no circuíto da localidade burgalesa de Villarcayo.
Un día após o corredor recibía unha comunicación da Federación Española de Ciclismo na que lle falaban dunha posíbel indemnización que lle farían chegar nos próximos días.
Gañando sobre o terreo e nos tribunais
Despois de recibir aquela chamada na que lle comunicaban que non ía poder participar no Mundial de Nova Zelandia, Hermida falou co seu avogado, Luis Sanz, e co seu representante, Ángel Buenache, e entre os tres decidiron demandar á federación por 89.000 euros.
Xa na vista preliminar do xuízo, a Federación solicitou unha prórroga e propuxo un acordo extraxudicial aos avogados. O acordo está pechado e nos próximos días coñecerase a contía que vai recibir Hermida.
Un palmarés impecábel
O ciclista, natural de Maceda (comarca de Allariz), correu este ano, ademais dos Campionatos Estatais, nunha carreira da Copa Catalá, despois de Igorre, nunha carreira en Suíza, e en varias en Euskadi.
Ademais, nos seus anos de carreira foi campión do Mundo sub-21 e sub-23 na súa especialidade e foi subcampión olímpico en Atenas 2004 (ao celebrar a medalla de prata fixo un aceno como de disparar unha pistola, polo que tamén é coñecido como Pepiño Pistolas). En Sydney ficou cuarto e ten, ademais, dous títulos mundiais, gañados coa selección española de relevo. Nada disto lle serviu cando aquel alcume, ao que o vincularon, apareceu na "Operación Puerto".
Agora Hermida só quere ir ao Europeo, e despois ao Mundial, coa ollada posta na cita olímpica de Beixín 2008.
A importancia de aparecer nas listaxes de nomes da "Operación Puerto"
A "Operación Puerto" foi a meirande actuación contra a dopaxe no deporte realizada no Estado Español.
De febreiro a maio de 2006 a garda civil destapou os nomes dunha listaxe de deportistas que pasaban pola consulta do doutor Eufemiano Fuentes, que se dedicaba á xestión de autotransfusións de sangue e da organización e planificación de tomas, subministros e vendas de substancias prohibidas, como a EPO, as hormonas de crecemento e os anabolizantes.
Na operación tamén estaba implicado Manuel Saiz (naquela altura director do equipo Liberty Seguros); José Luis Merino (hematólogo); José Ignacio Labarta (director adxunto, daquela, do equipo Comunidad Valenciana); e Alberto León Herranz (ex ciclista); ademais doutros 58 ciclistas profesionais, que recibían este "tratamento".
O 12 de marzo de 2007 o xuíz declarou inocentes a todos os implicados, ao non ter cargos contra eles de acordo coas leis españolas. Mais a repercusión da "Operación Puerto" foi moi importante dentro do ciclismo profesional estatal. Só polo feito de un ciclista ser vinculado a un dos alcumes que aparecían nas listaxes do doutor Fuentes, a súa carreira se vía afectada.
Aconteceu así con Marcos Serrano, agora ex ciclista do Karpin Galicia, que chegaba ao equipo para ser o xefe de filas e que hai unha semana rescindía o seu contrato, de mutuo acordo co KGZ, por non poder competir ao nivel que desexaban as dúas partes. Ao se relacionar con esta operación, os organizadores das grandes roldas, como a Vuelta a España, impediron a participación de Serrano, o que prexudicou seriamente a súa carreira.
Tamén lle aconteceu isto a Hermida, mais con final feliz, e mesmo Óscar Pereiro saltou á grella dos medios, mentres se especulaba coa súa posíbel implicación, dado que un dos alcumes das listaxes de Fuentes era Urco, o suposto nome do can do ciclista de Mos.