A campaña de envío de cartas desenvólvese de cara á Cimeira Luso-Española desta semana.
O Movimento Defesa da Língua (MDL) envioulles cartas a diferentes membros do goberno portugués con argumentos a prol da introdución das radios e televisións portuguesas en Galiza. A campaña realízase de cara á Cimeira Luso-Española, que se vai desenvolver esta semana en Braga.
O MDL pensa que a convocatoria é unha oportunidade inmellorábel para solicitar o inicio dun diálogo entre os dous estados para introducir os medios de comunicación en lingua portuguesa no noso país. Entre os receptores da misiva están o primeiro ministro, José Sócrates, e o ministro de Asuntos Parlamentares, Augusto Santos Silva, que xa se amosou interesado pola iniciativa.
A asociación recoñece dificultades técnicas, xurídicas e económicas en levar a cabo a proposta, mais cre que cun bocado de vontade se poderán superar. Insiste o MDL nas vantaxes que traerá a introdución dos medios para a construción da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, para a protección da cultura galega, do patrimonio común e para a promoción da lingua irmá no noso país.
A petición baséase na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo goberno español, e que lle dá o dereito a Galiza a recibir as canles de radio e televisión portuguesas, do mesmo xeito que llo dá á República portuguesa de recibir as canles galegas. Como o MDL xa atopou interese de garantir o dereito por parte dos políticos de Galiza e do Estado, só lle falta o apoio do goberno portugués.