A media estatal foi de 4,2. A suba de catro décimas no decembro pasado sitúa o IPC no seu nivel máis alto dende hai dous anos.
O Índice de Prezos de Consumo (IPC) experimentou un incremento de catro décimas en decembro respecto do mes anterior, o que sitúa a taxa interanual no Estado nun 4,2%, a cota máis alta dende xaneiro de 2006, segundo os datos feitos públicos na mañá da terza feira polo Instituto Nacional de Estadística (INE). No caso concreto do noso país, a suba dos prezos quedou cifrada nun 4,1.
Dos doce grupos que compoñen a cesta da compra, os que máis se encareceron en 2007 foron os do transporte (os prezos subiron o 7,1%); os alimentos e as bebidas non alcohólicas (que subiron o 6,6%); as bebidas alcohólicas e o tabaco (que subiron un 6,1%); os hoteis, os cafés e os restaurantes (que subiron un 4,9%); e a vivenda (que subiu un 4,8%).
A inflación subxacente (aquela que non inclúe os prezos dos produtos enerxéticos nin dos alimentos non elaborados) situouse no 3,3% na taxa interanual, unha décima máis que o ano pasado por estas datas.