Radiofusión convoca un romántico concurso con motivo do día de San Valentín.
O amor, pero tamén o desamor, son os protagonistas desde certame que dende hai dez anos vén celebrando a emisora Radiofusión de Fene. Con motivo do día dos namorados, o 14 de febreiro daranse a coñecer os gañadores deste concurso que nesta edición obterán como premio, como non podía ser de outra maneira, unha cea para dúas persoas e a estancia dunha noite no Hotel Pazo Libunca de Narón. Pero como nunca se sabe e calquera precaución é pouca, o premiado poderá escoller un cuarto dobre ou dous individuais.
Moitos dos participantes en edicións anteriores son xa recoñecidos escritores con obra publicada, aínda que calquera pode resultar vencedor deste certame. Tamén chegan cartas procedentes de todo o mundo, o amor sobrepasa todas as fronteiras facendo viaxar as misivas dende lugares tan distantes como Libia ou os Estados Unidos de América.
Os interesados deberán enviar as súas cartas, en prosa ou en verso e escritas en galego, antes do 12 de febreiro, para o que deberán envialas á dirección de correo electrónico direccion (arroba) radiofusion.eu, ou ben recorrer ao correo tradicional en Radiofusión. Praza do Concello s/n. 15500 Fene (A Coruña), baixo plica. A carta non poderá superar o folio de extensión, mecanografado a dobre espazo. Tamén se poderán escribir a mans, sempre que sexan intelixíbeis.
Cando casan os paxariños
Como novidade, este ano o certame inclúe unha distinción ao día da Candelaria. O día no que casan os paxariños, o 2 de febreiro, e que tradicionalmente foi o día dos namorados en Galiza, os organizadores do certame darán a coñecer a composición do xurado que avaliará as cartas que participan no concurso.
Aínda que esta festa nace pola procesión realizada dentro da igrexa con candeas benditas, en Galiza a celebración vai máis alá do relixioso e énchese de significado no mundo agrario. Convértese na data na que “casan os paxariños” polo que se instaurou como festa do amor.
“Non somos máis que corpos transidos de linguaxe”
Con 21 anos, Alicia Fernández conseguiu facerse co premio de 2007. Dende Escairón, no Saviñao, esta luguesa enviaba estas verbas:
Fragmento da carta:
"... Non somos máis que corpos transidos de linguaxe
manuel forcadela
e ao mellor tampouco é que sexamos iso, non o sei... pero soa ben e vólvese escuma de xeito terno. hoxe desaparecen as maiúsculas e os versos; queda todo moito máis sutil e tranquilo. por que utilizarei sempre os adxectivos de dous en dous?, volta a compulsividade (creo) aínda faltan 33 días para o teu aniversario, sabes que hai cousas que me gusta comezar antes de tempo, así paréceme que adiantei un mundo de pausas e sílabas -sen ti men to-, e cando me viola cada sol na toalla esa das ovellas antiestéticas xa penso no que che vou-podo escribir. quiteille o papel de regalo ao primeiro agasallo mercado. non me podo reprimir. quítooo, miro ben o que hai dentro, dende todos os ángulos posibles, e logo volto a poñelo, moito peor e deixando pegadas. que si, que son eu a que coloca mal as dobreces, a que deixa arestas imposibles, a que toca e sente o tacto por vez primeira. dende nena arrinco papeis de cores para máis tarde acomodar outra vez.
o pasado é unha feira
lupe gómez
atopei un círculo de plástico e vou marcando os versos -sen forma- que che quero deixar hoxe, pon algo coma isto: jabón de glicerina glizerinazko xaboia sabó de glicerina xabón de glicerina (consumer claro).