Os socialistas franceses advírtenlle ao ex presidente británico que a súa aspiración queda deslexitimada polo apoio que lle deu á invasión de Iraq.
"Eu son un político de centroesquerda", declarou o ex presidente británico Tony Blair durante a súa intervención no Consello Nacional da UMP, o partido do actual mandatario francés, Nicolás Sarkozy. "En Estados Unidos sería demócrata, no Reino Unido son laborista, en Francia probablemente estaría no goberno", chanceu diante da dereita francesa. "Non oh, estou de broma", engadiu de seguido, "Eu sigo coa miña familia política, e se fora francés estaría no Partido Socialista, pero á beira dos que queren transformalo", comentou diante dos risos e os aplausos dos presentes.
A súa sintonía con Sarkozy non foi moi ben recibida nas filas dos socialistas franceses, de sempre moi críticos con algunas das posicións de Blair. A asistencia de Blair en apoio de Sarkozy enténdese ademais como parte da predisposición que o presidente francés tería a prol da candidatura do británico para que este se convertise no primeiro presidente da Unión Europea. O propio Blair recoñeceu que valora a posibilidade de optar a ese cargo, que se creará este mesmo ano logo do acordado no último tratado de reforma da UE.
Ao respecto, o secretario xeral do Partido Socialista francés, François Hollande, afirmou este domingo estar en contra desa posibilidade. "O que nos cómpre é un presidente que sexa representativo dunha Europa política e independente dos Estados Unidos, e non creo que Tony Blair encaixe con ese perfil", laiouse Hollande. Engadiu ademais que "a posición que tivo en favor da invasión de Iraq implica que non pode ser o presidente de Europa".