A Consellaría de Política Territorial quere evitar futuros problemas de tráfico.
Corredor do Morrazo
Coa redacción do proxecto, o departamento que dirixe María Xosé Caride pon en marcha os trámites para proceder ao desdobramento do Corredor do Morrazo. Esta actuación é unha das posibilidades que Política Territorial contempla para facilitar as manobras de acceso a Vigo e evitar así problemas derivados do aumento do volume do tráfico.
Ademais deste proxecto, a conselleira recordou que está pendente, por parte do Ministerio de Fomento, a nova infraestrutura O Porriño-Vigo. Pola súa banda, a Xunta tamén iniciou os trámites para unha conexión deste tramo co Segundo Cinturón da cidade olívica, co fin de mellorar a comunicación para a zona na que está previsto o novo hospital e a ampliación da Ponte de Rande. Esta última obra podería tramitarse en pouco tempo, se se soluciona o acordo entre os seus titulares, Fomento e Audasa.
O Concello de Vigo contará tamén cun Plan Sectorial de Accesos e Estradas como xa o teñen Compostela ou A Coruña. Nesta última cidade, a conselleira afirmou ter axilizado o proceso administrativo para mellorar os accesos, e destacou que xa está en obras a Terceira Ronda.