A devolución dos papeis de Salamanca, pendente, e a contratación do responsábel do Macba como director do Reina Sofía sen informar á Generalitat, centro das disputas.
O ministro de Cultura, César Antonio Molina, continúa sementando polémicas e enfrontamentos, principalmente en Galiza e Cataluña. A pasada semana enleouse nunha disputa coa Consellaría de Cultura despois de ter inaugurado o edificio, aínda baleiro, da biblioteca pública de Compostela, con tres anos de atraso e sen ter realizado os trámites para ceder a súa xestión á Xunta de Galicia. Esta semana visitou Cataluña, onde as relacións co departamento que dirixe Joan Manuel Tresserras son aínda peores. Segundo indican fontes da Generalitat, o ministerio non informou nin convidou a Tresserras a estar presente en ningún dos actos de Molina, algo que se nega dende Madrid.
O principal punto de fricción entre Tresserras e Molina é a devolución dos documentos da guerra civil depositados en Salamanca e propiedade de entidades ou particulares cataláns, os chamados Papeis de Salamanca. A devolución a Cataluña destes materiais está paralizada dende hai máis dun ano, algo denunciado pola Generalitat, e por outras entidades, como a Comissió de la Dignitat.
Esta entidade afirmou que o ministro de Cultura, César Antonio Molina, actúa ignorando a autonomía política de Cataluña "como o facían os ministros de Franco". A Comisión da Dignidade denunciou que o ministro "non deu ningún paso para seguir o proceso técnico que ha de posibilitar o retorno" dos documentos de particulares e entidades do Arquivo de Salamanca a Cataluña, e ve "motivos electorais" na actitude de Molina, algo que cualifica de "gravísimo".
MACBA e uns broches en forma de eñe
Os enfrontamentos son continuos, e tamén o é o que dende Cataluña se consideran "intromisións" do Ministerio na política cultural catalana. Entre outras cousas tamén foi motivo de polémica o nomeamento de Manuel Borja-Villel, antigo director do Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (Macba) como responsábel do Reina Sofía, sen informar previamente á Generalitat. De igual xeito, tamén sentou mal que Molina felicitase o Nadal agasallando a todos os conselleiros cuns broches en forma de eñe.