As empresas de artes escénicas e musicais poderán pedir empréstitos de até sesenta mil euros en condicións vantaxosas.
O convenio asinado hoxe por Ánxela Bugallo, máxima responsábel en materia cultural da Xunta, e o director de Caixa Galicia, José Luis Méndez, enmárcase dentro do conxunto de medidas de apoio á industria cultural galega, que ten por finalidade facilitar a consolidación dun tecido empresarial competitivo. Así mesmo, pódese considerar esta medida como un adianto das que levara adiante a futura Axencia Galega de Industrias Culturais, que substituirá ao IGAEM.
A contía máxima dos créditos concedidos ao abeiro da iniciativa Crédito Cultura será de sesenta mil euros, O xerente do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais, Miguel Martín Fernández, adiantou que o IGAEM será o encargado de subsidiar parte dos intereses dos empréstitos concedidos, que se inclúen como un novo apartado na súa convocatoria anual de axudas ao sector, que se publicarán o vindeiro luns 14.