Un internauta crea unha web con catro expresións en 435 linguas, 242 dialectos e 40 linguas inventadas. Entre elas o galego, o catalán, o éuscaro e o asturiano.
Son catro frases que che poden servir para moverte polo mundo sen que haxa ningún problema: "Onde está o meu cuarto?", "Onde está a praia?", "Onde está o bar?", e a máis estraña, pero segundo o autor da web (un experimentado viaxeiro), a máis necesaria, "Non me toques aí!".
Pódense atopar estas frases en 435 linguas, coma o galego (aínda que sen respectar moito a normativa), o catalán, o éuscaro, a fabla ou o asturiano; mais tamén hai unha chea de dialectos (242); e unhas 40 linguas inventadas, coma o vulcaniano ou o klingon de Star Trek; a linguaxe de Kenny, a personaxe de South Park; ou a lingua de Pikachu (na que a frase que non se pode esquecer, "Non me toques aí!" soa deste xeito: "Ka chu pikapi Pi kachu!").
O creador da web Travelphrases.info é un consultor que viaxou moito nesta vida por causa do traballo, mais tamén se dedicou a buscar colaboracións desinteresadas dos seus colegas, até crear unha páxina ben completa.
As linguas pódense buscar por orde alfabética, pola zona na que se falan, ou a través dun buscador.