Anxo Quintana anunciou a creación de 55 novos centros ao remate da lexislatura.
Este venres presentáronse oficialmente os 14 primeiros centros de día que integran a Rede Galega posta en marcha por Vicepresidencia. Serán os de Boiro, Carnota, Oleiros, Outes, Monforte de Lemos, Ribadeo, Coles, Rairiz de Veiga, Taboadela, Cerdedo, As Neves, Portas, Valga e Vigo. A posta en marcha dos centros supón a entrada en funcionamento de 400 novas prazas e de 136 postos de traballo.
O vicepresidente, Anxo Quintana, salientou que os centros "son o resultado dun compromiso, dunha idea de país e dun esforzo de xestión na implantación do Sistema Galego do Benestar". Engadiu que os seus destinatarios son as persoas maiores e as súas familias, pois "son centros pensados para ofrecer unha atención terapéutica integral". O vicepresidente sinalou que os centros actuarán como un instrumento de cohesión territorial, ofrecendo servizos e niveis de calidade en todo o territoro para evitar as diferenzas entre o medio rural e o urbano.
Quintana adiantou que o vindeiro martes asinará un convenio de 51 millóns de euros co goberno español para facer fronte á débeda histórica que ten con Galiza en materia social. O diñeiro destinarase á construción de 24 novos centros de día e 2 centros residenciais, o que vai supoñer máis de mil novas prazas entre 2008 e 2009.
O vicepresidente anunciou que ao longo deste ano se van poñer en funcionamento vinte centros de día máis, con 520 novas prazas, co que Galiza superará a taxa de cobertura en atención diúrna que recomenda o Plan Xerontolóxico estatal, fixada no 0,2. Será "un gran salto cualitativo dende o 0,04 herdado da administración anterior", dixo Quintana. O obxectivo é chegar aos 55 novos centros ao final da lexislatura.