O Bloque volve pedirlle á Xunta un maior esforzo para contar con bonecas, dvds e aparellos electrónicos en lingua galega.
O BNG instou á Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través dunha iniciativa parlamentaria, a que se adopten medidas prácticas dirixidas á galeguización de xoguetes e agasallos para os nenos. En concreto, o Bloque solicitou información sobre as xestións que ten previsto realizar a Xunta para que Galiza conte con bonecas que falen en galego, como acontece en Cataluña, para que se dobren vídeos e DVDs dirixidos a públicos infantís e xuvenís e para incorporar o idioma aos aparellos informáticos dirixidos aos máis novos.
Na súa intervención, Bieito Lobeira lembrou a importancia que adquiren os xogos e primeiras lecturas na aprendizaxe, de tal xeito que se se exclúe o galego das referencias e modelos que pode ter un neno, a infancia pódese converter "nunha boa escola de prexuízos lingüísticos, ao inculcar aos cativos a idea de que o galego é un idioma marxinal". Neste contexto, engadiu Lobeira, "é fundamental que estes criterios se teñan en conta, tanto polos pais nos agasallos como pola propia Secretaría Xeral á hora de posibilitar a existencia de xoguetes, filmes e leituras infantís en galego".
A Secretaría Xeral ofrece na súa páxina web unha lista de agasallos en galego para os máis pequenos, dende libros, roupa, e algúns DVDs e aparellos electrónicos.