A Media Sports Marketing, mediadora entre Galiza e Camerún, di nun seu comunicado que nin a federación galega nin Deporte incumpriron o contrato.
Un comunicado enviado pola empresa organizadora do evento, Media Sports Marketing (mediadora entre a federación de fútbol galega e a camerunesa), destaca que "a Federación Galega de Fútbol cumpriu coa máxima rigorosidade e exactitude todas as condicións establecidas no contrato de Camerún".
Con estas verbas, a Dirección Xeral para o Deporte vese eximida da responsabilidade do plante da selección camerunesa, que fixo que o partido contra os irmandiños comezase con hora e media de atraso.
Ademais, a empresa intermediaria, filial do grupo Mediapro, insistiu na "transparencia, honradez e bo facer na organización e promoción do citado encontro por parte da Federación Galega de Fútbol, así como da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia".
O contrato do que todo o mundo falaba
No contrato, asinado pola Federación Galega de Fútbol coa empresa Media Sports Marketing, estabelecíanse dúas cláusulas para garantir a presenza dos mellores xogadores no encontro do 27-D. Deste xeito, a federación camerunesa poderá chegar a cobrar ata 250 mil euros, se xogase con todas as súas figuras.
Mais, se non xogaban contra Galiza os catro cameruneses que militan na liga estatal (Eto'o, Kameni, Kome e Webó), sempre e cando non estivesen lesionados, os cartos cobrados pola selección de Camerún reduciríanse en 30 mil euros, por cada un deles.
Ademais, estaba estabelecido que debían xogar con Camerún un mínino de 11 futbolistas que xa fosen convocados, como mínimo dúas veces, pola selección africana nas tres últimos partidos previos a sinatura do contrato. Por cada futbolista que restase do mínimo de 11, rebaixábanse 18 mil euros.
Dende a Dirección Xeral para o Deporte insisten en que este contrato foi cumprido de xeito estrito, e que non vai haber ningún incremento no custe final estabelecido.