Mentres a nivel estatal se rexistran os mellores datos dos últimos corenta anos, en Galiza o ano conclúe con dous falecidos máis respecto ao ano anterior: 266 mortes en accidentes de tráfico.
Un total de 266 persoas faleceron en accidentes de circulación na rede de estradas galegas, o que supón dúas persoas máis que o pasado ano. Do total, 98 correspóndense coa provincia da Coruña; e 77 coa de Pontevedra. Nas vías interurbanas da provincia de Lugo contabilizáronse 57 mortos, mentres que Ourense sumou 34.
Nesta fin de 2007, a última vítima mortal rexistrouse en Silleda, ao bateren un camión e unha furgoneta de repartición de pan. Outras dúas persoas resultaron feridas graves en senllos accidentes de circulación na mesma estrada, a AC-214, ao seu paso pola localidade de Cambre.
Paradoxalmente, no conxunto do Estado a cifra total de mortos nas estradas quedou en 2.712 falecidos, o que implica que por vez primeira en corenta anos ese número baixa da barreira das tres mil mortes. Isto supón un descenso de case o 10% respecto ao ano anterior.