O artista, nado en Ourense en 1937, xa sufrira a perda do seu fillo no ano 2006.
Xaime Quesada
O artista ourensán Xaime Quesada Porto morreu este domingo aos 70 anos de idade. O pintor, gravador e escenógrafo, gañador da Medalla Castelao de 2004, morreu na súa casa de Ourense despois dunha longa enfermidade.
Aos dezanove anos entrara a estudar na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, onde integrou o grupo O Volter, inspirado por Vicente Risco e Ramón Otero Pedraio, xunto a Acisclo Manzano e José Luis de Dios. A súa obra atópase espallada por museos de todo o mundo, entre eles o do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
O creador, coñecido artísticamente como Quessada, era unha das figuras máis salientábeis das artes plásticas galegas do século XX. Xa perdera un fillo, tamén pintor, Xaime Quesada Blanco, que finou en xuño de 2006 aos 30 anos.
Os restos de Quesada serán enterrados o luns ás catro e media da tarde no cemiterio de Señorín, no Carballiño.