Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Estrea en Compostela

Bonecos de plastilina para unha curta dramática

Compostela acolle a proxección de Leo, a primeira entrega da serie de animación Sombras na noite, de Fernando Cortizo.

Redacción - 09:45 29/12/2007
Fernando Cortizo é o director da serie

Fernando Cortizo é o director da serie

Plastilina animada con aire a drama, iso é o que os asistentes á estrea de Leo poderán ver o sábado 29 no Teatro Principal de Compostela. A curta forma parte da serie Sombras na noite, que conta coa colaboración de actores como Carlos Blanco, Pico Oliveira, Ernesto Chao ou Víctor Mosqueira entre outros.

Trátase dunha serie de misterio realizada a través de bonecos que cobran vida na gran pantalla grazas ao traballo dun grupo de galegos que dende Artefacto Produccións conseguiron sacar destes monicreques as expresións máis dramáticas. O director do proxecto, Fernando Cortizo, ideou o traballo, realizado mediante a técnica de stop-motion, a partir de actores de carne e óso que prestaron as súas caras, a súa voz, e os seus movementos para dar vida aos personaxes.

Son en total 13 capítulos de 13 minutos orientados cara a un público obxectivo adulto, e cunha gran elaboración dos decorados, tan só para este primeiro capítulo fixeron falta tres meses de traballo. Tras realizar outros filmes como O ladrón de bonecas ambientada en Compostela, Fernando Cortizo enrólase agora neste proxecto que conta coa especial colaboración do concello de Boiro e está coproducido pola produtora catalana In Vitro Films.

Bonecos de carne e óso
A serie está ambientada en trece cidades, tres delas galegas, e conta con 23 actores e un narrador. A primeira das curtas, Leo conta a historia de Víctor, un ventrílocuo que xunto ao seu boneco, que dá nome ao filme, achégase ao final da súa carreira. O protagonista, doente dunha grave e longa enfermidade que lle fixo perder partes do seu corpo, atópase ao límite das súas forzas. O paso dos anos fixo que a súa relación con Leo se convertise en insostíbel por mor da fama e a popularidade.

Para os actores que participan na serie, esta é unha grande oportunidade, xa que están a vivir unha "experiencia única". Segundo indica Carlos Blanco, é como "ser ti en boneco actuando", e isto é unha sensación moi rara. Pola súa banda, Pico Oliveira mostrouse moi impresionado coa veracidade das actuacións dos seus homónimos de plastilina, e bromeou dicindo que "os bonecos nos superan, non se poñen nerviosos e cobran moito menos".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: