'Manuel e Elisa' de Manuel Fernández Valdés competirá con máis de 140 proxectos procedentes de 30 países.
Docs Barcelona
A ópera prima de Manuel Fernández Valdés, Manuel e Elisa (O Trinta), competirá con obras de países como Alemaña, Estonia, Irlanda, Reino Unido ou Italia no International Documentary Film Festival, que se celebra en Barcelona o 31 de xaneiro e o 1 de febreiro do vindeiro 2008. Esta longametraxe documental representa a historia de superación, perda e estoicismo dunha parella de anciáns que viven nunha pequena poboación rural na fronteira norte entre Galiza e Portugal.
Aos seus 80 anos, Manuel Rodríguez, “O Trinta”, é un artesán d'O Rosal, que non quere que a súa arte desapareza no esquecemento, e por iso conserva as obras realizadas para as feiras artesanais. A través da historia deste home, e da súa muller, Elisa, o filme achéganos á idiosincrasia dunha poboación rural, marcada pola incerteza e os contrastes entre os hábitos pasados e presentes.
O proxecto, subvencionado pola Consellaría de Cultura en 2006 rodouse en dúas fases, a primeira de outubro de 2006 a xaneiro de 2007 e a segunda durante o mes de maio dese mesmo ano. Será unha das dúas únicas representacións estatais no Pitching Forum, que é a área de Docs Barcelona dedicada á industria do documental.