Os colectivos integrantes da plataforma recordan especialmente o caso de Xosé Tarrío, mozo falecido hai dous anos como resultado dunha enfermidade agravada polo maltrato sufrido.
A Xosé Tarrío, estando preso en Teixeiro, diagnosticáronlle unha simple gripe e receitáronlle aspirinas. Ante o seu mal estado de saúde e logo da insistencia da nai, só aceptaron leval ao hospital despois de moitos meses de empeorar o seu estado e detectárselle unha parálise. Aló tivérono amarrado con esposas ao somier da cama e polo brazo lesionado, negándolle desde ter libros a recibir a visita de parentes. Despois de toda unha serie de despropósitos similares, coa saúde do mozo empeorando progresivamente até perder a capacidade de camiñar, Xosé morre en xaneiro de 2005. Segundo o Comité, o seu caso é exemplo claro de tortura. "Se fora tratado axeitadamente podería terse evitado a morte ", láianse. A súa memoria estará presente nesta "Marcha ao Centro Penitenciario de Teixeiro", que ten lugar este domingo 23 de decembro. A saída será ás 12h da gasolineira anterior ao cruce do Centro Penitenciario.
A Comisión de denuncia da Galiza, Coordinación Social fronte a Tortura e os Malos Tratos, nace a finais do ano 2004, coma resposta á sensibilización que algúns colectivos e persoas amosan antes as "reiteradas denuncias de torturas cometidas en Galiza". A plataforma denuncia "a continua vulneración de dereitos fundamentais das persoas que están recluídas en cadeas, comisarías, centros de detención de inmigrantes e centros de cumplimento de penas da lei de responsabilidade do menor".
Integran a plataforma, entre outros, a Comisión Penitenciaria de Ourense, Comités Antisida de Galiza, Departamento de Dereito Penal da Universidade de A Coruña, Esculca ou PreSOS Galiza. Poden ampliar información na web Denuncia.info.