Paisaxe e nación: A creación discursiva do territorio realiza unha análise do imaxinario social do nacionalismo e a súa relación coa paisaxe, entendida como espazo e como creación.
A obra gañadora fai unha proposta de análise que parte do imaxinario social do nacionalismo para se achegar á paisaxe como espazo, como ideoloxía e como fundamento da identidade nacional. A paisaxe na pintura, a dimensión espacial e xeográfica dos fenómenos literarios e a xerarquización do territorio analizada a través dos mapas leva á autora a realizar un exhaustivo balance das diferentes concepcións da idea de paisaxe para concluír na noción do espazo como creación.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Alexandre García-Caballero, Manuel González González, Dolores Vilavedra Fernández e Carlos Lema, e salientou a calidade dos oito orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles. O premio está dotado con 6.000 euros e ha ser publicado pola Editorial Galaxia o próximo ano.
María López Sández é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela. De feito, a súa tese de doutoramento A descrición topográfica: o seu papel na construción dun imaxinario cultural no discurso literario galego, dirixida por Fernando Cabo e defendida o 8 de septiembre de 2006 trataba este mesmo asunto. Naquel traballo López Sández investigaba o papel da descrición topográfica na conformación dos imaxinarios nacionais a través da análise de Cantares gallegos, Arredor de si e do ciclo textual de Tagen Ata, de Xosé Luís Méndez Ferrín.