Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ENTREVISTA CO DIRECTOR DE "Edoy Leliadoura"

Xesús González Gómez: "Na colección terán entrada todas as voces"

O director de Edoy Leliadoura fala sobre a nova andaina desta colección de poesía da editorial Sotelo Blanco. Unha entrevista de Isaac Lourido.

Isaac Lourido - 11:00 20/12/2007

A recente publicación simultánea dos seis primeiros libros da colección Edoy Leliadoura (Os poemas de como se rompe todo, de Daniel Salgado; Bingo, de Pilar Beiro; Derrotas con raíces, de Modesto Fraga; Onde o ollar comeza a doer, de Antón L. Dobao; Sextinario: trinta e seis + tres, de Marica Campo, e Memoria de Ahab, de Rafa Villar) xerou os primeiros asomos de expectación na literatura galega sobre o particular renacemento da colección de poesía da editorial Sotelo Blanco.

Xesús González Gómez, tradutor, crítico e ensaísta prolífico, asume agora a dirección da iniciativa, herdeira dun clásico da edición galega dos últimos vinte anos, como foi Leliadoura (1985-1997). Co pulo de homes ligados vital e profesionalmente a Barcelona, como Olegario Sotelo Blanco (editor), Basilio Losada (director da primeira etapa) ou o propio González Gómez, no consello editor da colección primixenia figuraron nomes senlleiros da poesía e da crítica catalás como Vázquez Montalbán, Ángel Crespo, Enrique Badosa ou Pere Gimferrer. Sobre as condicións e as previsións desta nova andaina tivemos a ocasión de preguntarlle ao seu director.

Isaac Lourido: En que circunstancias renace a colección Edoy Leliadoura? Por que, como e con que perspectivas?

Xesús Gonzalez Gómez: Hai exactamente ano e medio, en maio do 2006, Olegario Sotelo Blanco preguntoume se estaba disposto a dirixir a nova colección de poesía que tiña en mente. El xa tiña tres libros para botar a andar, e eu pedín tres máis a outros autores. Aínda que as razóns concretas de retomar o proxecto debe dalas o editor, Sotelo Blanco pensaba que unha editorial tiña que ter unha colección de poesía, malia que no seu día desaparecese Leliadoura. En relación coas perspectivas, penso que a única clara é reflectir o panorama actual da poesía galega, as diferentes constelacións de poetas e tendencias que conforman a poesía galega de hoxe.

E a nivel persoal, para alguén que ten atravesado as labores de editor, tradutor e ensaísta, que supón este novo reto?

O reto, en verdade, é comigo mesmo. É dicir, cántas veces serei capaz de non equivocarme (tamén é certo que ao ser o único responsábel equivocareime cos meus propios erros, non cos erros dos outros, o que induce a intentar equivocarse o menos posíbel). Polo demais, e mentres teña a confianza do editor, o reto será publicar só os libros que a min me gusten, sen ter en conta o "nome" do autor, mais tamén cunha pretensión de eclecticismo.

Entre as seis novas propostas da colección pódese fiar un trazo comunicador relacionado coa vontade de compromiso social, alén da especificidade de cada autor. Débese a unha aposta concreta por esta liña ou isto non é máis que un espello da poesía galega actual?

Ese fío comunicador débese ao azar, á casualidade. Como casualidade é que algúns deles sexan membros das "Redes escarlata" ou que pertencesen no seu día ao "Batallón literario da Costa da Morte". O que me interesa é que os libros que se publiquen se defendan por si mesmos, pola súa calidade intrínseca. Por outra parte, non sei se o compromiso é unha característica da poesía galega actual: persoalmente penso que non, aínda que si é, claro, unha tendencia. O importante é que os libros desa tendencia, como de calquera, sexan bos: o demais son gañas de marear a perdiz.

Neste lanzamento apóstase por autores cunha certa traxectoria na poesía galega. En que medida voces novas e / ou renovadoras van ter cabida na colección?

Que os seis primeiros libros publicados sexan de autores máis ou menos coñecidos tamén se debe ao azar. Había libros de xente nova e de xente inédita, mais non gustaron e foron rexeitados. En canto á voces renovadoras ou innovadoras, repito o que escribín unha vez parafraseando ao Dr. Johnson: o innovador é aquel que unha vez a vaca xa non dá máis leite, dedícase a muxir o touro, o que pode ser agradábel para o touro, non o discuto, mais montar unha central leiteira con tan exiguo produto, como fixeron moitos dos "innovadores", xa é outra cousa. Na colección terán entrada todas as voces (novas, modernas, antigas ou contemporáneas), o importante é que ese libro interese á colección.

E mirando agora cara ao futuro, cales sons as ilusións do proxecto Edoy Leliadoura? Pode vostede adiantar algunha das próximas publicacións?

O futuro é continuar editando os libros que se reciban e gusten. A ilusión é editar os libros que me gusten, e cando non haxa orixinais galegos que se consideren válidos para seren publicados, publicaranse traducións. En canto á segunda parte da pregunta, nestes momentos, dos diversos orixinais que lin nos últimos meses, só hai un do que se decidiu a súa publicación, e non se trata –infelizmente, mais as cousas son así– dun poeta inédito, senón de alguén xa coñecido: Alexandre Nerium. Espero que nos próximos meses se reciban algúns orixinais que se poidan engadir á colección, xa que se queren publicar os libros por "pares", como na antiga Leliadoura.


Ligazóns

4,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: