Unha exposición percorrerá Ponteceso, Mondoñedo e A Coruña, localidades onde se lembrará a Pascual Veiga e a Pondal.
A Vicepresidencia da Xunta comeza a conmemorar esta terza feira o centenario do Himno con actos en tres puntos do país. Deste xeito, quérese lembrar a primeira interpretación do Himno na Habana o 20 de decembro de 1907.
No concello de Ponteceso ábrese a exposición "Os tempos son chegados", sobre o Himno. A mostra poderase ver na Casa dos Veciños do Couto até o xoves 20. Ese día, Anxo Quintana visitará a vila e participará nunha ofrenda floral ao pé do monumento dedicado a Eduardo Pondal. Tamén estarán mil estudantes de todo o país, que farán un pasarrúas e lerán poemas de Pondal. Ao remate, os asistentes cantarán o Himno acompañados do son da gaita de Susana Seivane.
Tamén a quinta feira, Vicepresidencia organiza na Coruña o acto "A nosa voz pregoa", no Teatro Rosalía, ás oito do serán. Máis de 500 representantes do mundo da cultura, da política, e da economía, participarán no evento, que mesturará música, interpretación e política. A Banda Municipal da Coruña interpretará a Alborada de Pascual Veiga, a Marcha do Antigo Reino de Galiza e o Himno Galego, acompañada da coral Follas Novas.
Na cidade coruñesa tamén se poderá ver a mostra "Os tempos son chegados", do 9 ao 30 de xaneiro na Casa Museo Casares Quiroga.
O sábado 22 renderáselle unha homenaxe a Pascual Veiga en Mondoñedo. O vicepresidente visitará ao mediodía o Centro de Desenvolvemento Comarcal da Mariña Central, onde se amosará "Os tempos son chegados" dende ese día até o 8 de xaneiro. Deseguido, fará unha ofrenda floral perante a tumba de Pascual Veiga. Na alameda da vila inaugurarase un busto do compositor.
Paralelamente, Vicepresidencia está a distribuír por todo o país 20.000 carteis conmemorativos do centenario da interpretación do Himno.