O Centro de Desenvolvemento Comarcal do Salnés acolle a exposición Moncho Valcarce: unha vida de compromiso.
A vida do crego e sindicalista agrario Moncho Valcarce explícase a través dos 25 paneis que conforman a exposición. O obxectivo é achegarlle á sociedade a figura de quen foi coñecido popularmente coma o cura das Encrobas, debido á súa implicación na loita labrega protagonizada polos veciños desta parroquia de Cerceda contra Fenosa en 1977.
A mostra achéganos tamén ata as mobilizacións labregas de finais do franquismo e de comezos da transición española, que marcaron o precedente para movementos actuais coma o da defensa do medio ambiente, o sindicalismo agrario ou mesmo a creación dos organismos básicos do nacionalismo galego como foron a AN-PG, o BN-PG ou os Comités de Axuda á Loita Labrega.
A Irmandade Moncho Valcarce, unha asociación impulsada polos que foron compañeiros e familiares de Moncho para manter a súa memoria e divulgar o seu pensamento, organiza a mostra en colaboración coa Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza.
A exposición estará aberta ao público ata o 31 de decembro, incluídos domingos e festivos, de luns a venres en horario de 10 a 14 horas e de 17 horas a 20 horas e os sábados, domingos e festivos de 11 a 14 e de 17 a 20 horas.