Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Debate dos Orzamentos 2008

Acusan de "cinismo" o PPdeG por propoñer un fondo para "rebaixa de peaxes"

Socialistas e nacionalistas só negociarán apenas unha decena das oitocentas emendas aos orzamentos propostas polos populares.

Redacción / Europa Press - 09:00 18/12/2007

"Non apostan por presentar un proxecto alternativo", queixábase este luns Modesto Pose, deputado do PSdeG, ao respecto das emendas presentadas polo PPdeG. Socialistas e nacionalistas coincidiron en reprochar o baixo nivel técnico e o carácter localista en exceso dos matices propostos polos populares ás contas deseñadas pola Xunta para 2008.

Do outro lado, o voceiro de Economía do PP, Alberto Sueiro, falaba de "apisonadora" da maioría de PSdeG e BNG para esmagar calquera oportunidade de diálogo ao fío dos orzamentos. Finalmente, o acordo apenas lle alcanzará a nove emendas, que implicarán o investimento de arredor de 2,5 millóns de euros, nos eidos de Industria e do Medio Rural.

Do total presentado, o PPdeG mantén 31 emendas ao articulado, referidas a estabelecer límites ás transferencias de crédito, a ampliar o fondo para as pensións non contributivas ou á supresión do imposto de sucesións e doazóns. No entanto, PSdeG e BNG avanzaron que na votación deste martes vanse opoñer a elas, e cualificáronas de "demagóxicas" e propias do debate de totalidade. O socialista Xaquín Fernández Leiceaga destacou o "rigor" do proxecto orzamentario do Goberno e ironizou ao respecto das emendas do PPdeG, afirmando que algunha delas supón unha "impugnación" a políticas practicadas polo executivo de Manuel Fraga. Pola súa banda, o nacionalista Carlos Aymerich reprochoulle ao PP que "persiga impoñer restricións que non existían antes" á hora de executar os presupostos.

"Cinismo" e peaxes
Especialmente polémica foi a propista do PPdeG para crear un fondo de compensación para rebaixar as peaxes existentes na rede de autoestradas galegas. Os grupos parlamentarios de PSdeG e BNG dixeron que rexeitarán a emenda e definírona de "cínica", recordando a posición que o PP mantivo durante a súa etapa no goberno, deixando amarradas importantes peaxes no país. Polo seu lado, o deputado do PPdeG Alexandre Gómez defendeu a posta en marcha desta figura no marco das contas das Consellería de Política Territorial e opinou que contribuiría á "igualdade" entre os galegos de todo o territorio.

No entanto, os voceiros dos socialistas, Abel Losada, e dos nacionalistas, Carmen da Silva, reprobaron esta medida, tanto dende o punto de vista formal como político. Neste sentido, da Silva, asegurou que nin sequera se presentou unha emenda en concreto para este fondo, senón que aparece ao longo de moitas das presentadas ás contas deste departamento.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: