Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Estatuto de Galiza

Conmemórase o 75 aniversario da Asemblea de Concellos

Do 17 de decembro ao 19 de xaneiro o Instituto de Estudos Galegos "Padre Sarmiento" organiza unha exposición documental, un ciclo de conferencias e outro de cinema.

Redacción - 19:00 17/12/2007
Cartel de Castelao a prol da aprobación do Estatuto

Cartel de Castelao a prol da aprobación do Estatuto

Hai 75 anos celebrouse en Compostela a Asemblea de Concellos pro Estatuto de Galiza. Un acontecemento que supuxo o pulo definitivo para que o noso país conte hoxe en día con este documento imprescindíbel para chegar á situación actual. Con motivo deste aniversario, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento organiza do 17 de decembro ao 19 de xaneiro diversas actividades entre as que se atopan unha exposición documental, un ciclo de conferencias e outro ciclo de cinema.

A inauguración do ciclo de conferencias, que se prolongarán até o 16 de xaneiro do vindeiro ano 2008, comeza o 17 de decembro con dous relatores de renome. A partir das oito da tarde o fundador do Grupo Sargadelos, Isaac Díaz Pardo e o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, comentarán dende a súa experiencia como era o Santiago dos anos trinta.

O ciclo continuará durante case un mes coas intervencións de outros expertos e personalidades do nacionalismo e da historia de Galiza, como Emilio Grandío, Xusto Beramendi ou Roberto Blanco. A conferencia final correrá a cargo do letrado do Parlamento de Galicia, Baldomero Cores; O xerente da Fundación Alexandre Bóveda, Uxío-Breogán Diéguez, e de Avelino Pousa Antelo, que falarán sobre os protagonistas da Asemblea: Rajoy, Bóveda e Castelao.

Cinema e exposicións
Os actos conmemorativos contemplan tamén un ciclo de cinema, que correrá a cargo de Rita Martín, da Universidade de Santiago de Compostela e que dará comezo o 8 de xaneiro coa obra de Jean Gremillon Centinela alerta! Outros oito filmes completan o programa deste ciclo, con protagonistas como Luís Buñuel e As Hurdes; Rosario Pi e o seu Gato montés ou José Gil, director de Miss Ledya, que se proxectará o 16 de xaneiro.

O Claustro alto do Antigo Hospital de San Roque é o espazo elixido para celebrar todas estas actividades, e onde tamén se poderá visitar a mostra A Asemblea de Concellos pro-Estatuto de Autonomía de Galicia de 1932: Itinerario documental. Unha exposición na que quedan recollidos diversos documentos da época.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: