Así o expuxo a escritora Teresa Moure no manifesto lido este domingo en Compostela, ao rematar a concentración en apoio aos tres veciños encarcerados.
"Indulto xa, cárcere non", foi o lema á cabeza da manifestación que percorreu as rúas de Santiago este domingo. "Simón, Pepe e Suso, liberade" ou "Non inocentes á prisión" foron algunhas das frases que se lle escoitou berrar aos veciños. Apoiaron a convocatoria a través dun comunicado as Federacións Provinciais de Asociacións de Veciños de Lugo, Vigo e A Coruña, así como os concellos de Brión, Arzúa, Padrón, Vedra, Teo e Santiago, entre outros. Tamén o Parlamento de Galicia.
O presidente da Asociación de Veciños do Castiñeiriño, Lois Calvelo, declarou que "aínda quedan días" para conceder o indulto aos tres homes "para poderen pasar o Nadal na casa". Resaltou Calvelo que a concesión do segundo grao "non serve", xa que "é un sucedáneo" que "non enche as ilusións e pretensións" dos veciños. Ao respecto do elevado apoio á marcha, 10 mil persoas segundo os organizadores ou 3 mil segundo a policía local, o presidente do colectivo veciñal destacou que se demostra que "o movemento popular está vivo".