Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CANTOS NA MARÉ, EN PONTEVEDRA

Debate sobre o futuro de Galiza nas industrias culturais da lusofonía

Axentes culturais brasileiros, portugueses e galegos analizaran na Casa das Campás as posibilidades de difundir a música galega nun mercado de 300 millóns de consumidores.

Redacción - 09:19 14/12/2007

Cantos na Maré. Rede é un espazo aberto de reflexión e debate (cun formato de talk-show) entre axentes culturais internacionais, xornalistas e xeradores de opinión. A partir das sete da tarde na Casa das Campás pontevedresa estes expertos tentarán responder á pregunta de se É posíbel unha rede de intercambio cultural entre os territorios da lusofonía? . O debate está orientado, polo tanto á procura dun intercambio real de proxectos de cooperación e desenvolvemento económico, social e cultural e a impulsar procesos de converxencia que potencien e reforcen ás industrias culturais da lusofonía, así como futuros proxectos de coprodución.

No encontro participarán Benjamim Taubkin (Mercado Cultural Latinoamericano de Brasil), Manel Montañés Pons (Mercado de Música Viva de Vic, Cataluña), Samuel Costa Lopes do Rego (Instituto Camoês), Eron Quintiliano (Strike Concert, Brasil), Antón Martínez (Transeurope Music Network, Alemaña), Antonio Vizcaya (Canarias Crea), Olga Nogueira (IGAEM), Vítor Belho (E-Burbulla) e Luis Bará (Director Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia).

Uxía Senlle, auténtico motor de Cantos na Maré, destaca que o festival está cada vez máis consolidado e presente tanto na cidade de Pontevedra, coma no resto do país, e que ademais vai medrando, incorporando ao seu redor novos contidos e citas, como o citado debate sobre as indsutrias culturais da lusofonía: "É un encontro fundamental, que explora un mercado que está aí, que existe, que é totalmente natural para nós, pola lingua, pero que aínda está extraordinariamente lonxe", afirma Uxía.

Unha oportunidade para a cultura galega

O debate que terá lugar o venres, no que estará presente entre outros o director do mercado cultural de Baia, é unha maneira de amosar a realidade dese mercado de 300 millóns de consumidores: "A chegada de axentes culturais destes países e de xornalistas especializados pode permitir a inclusión de Galiza en mercados e feiras musicais de Brasil e Portugal. En Portugal hai cada vez unha maior aproximación á música galega, pero o máis sorprendente é a resposta de Brasil, que é a priori un mercado enorme e endogámico, pero no que cada vez máis se contempla a Galiza como un país próximo e un mercado natural".

O concerto do sábado
O sábado 15, a partir das nove da noite, o Pazo da Cultura acolle o prato forte de Cantos na Maré: o concerto. Este ano contará coa participación de Uxía e Mercedes Peón (Galiza), o virtuosismo da guitarra de Manecas Costa (Guiné Bissau), a delicadeza de Ceumar (Brasil), a nova estrela da música caboverdiana Nancy Vieira, e o verbo irónico de JP Simões (Portugal). Radio3 retransmitirá en directo os concertos de Cantos na Maré entre as 21 e as 23 horas.

Se ben Manecas Costa e Nancy Vieira xa visitaron Galiza nalgunha ocasión, Ceumar debuta no noso país. Uxía salienta que "é unha artista magnífica, que vai dar moito que falar. É a primeira vez que toca en Galiza e está moi sorprendida polo ambiente". Tamén actúa en Galiza por vez primeira JP Simões, "un artista moi interesante, moi lonxe dos estereotipos que temos por aquí sobre a música portuguesa, cunha linguaxe propia e irónica que fala sobre os problemas actuais de Portugal", en palabras de Uxía.


Ligazóns

5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manecas Costa, de Guiné Bisau, esta semana nun ensaio en Pontevedra
Manecas Costa, de Guiné Bisau, esta semana nun ensaio en Pontevedra