"Non se pode dar de comer a 6.000 millóns de persoas hoxe en día sen un uso sensato destes produtos", advirten dende o organismo da ONU.
Jacques Diouf, da FAO
A agricultura ecolóxica ou orgánica non substituirá aos sistemas agrícolas convencionais para lograr a seguridade alimentaria mundial, segundo o director xeral da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), Jacques Diouf.
"Deberiamos usar a agricultura orgánica e promocionala. Produce alimentos sans e nutritivos e representa unha crecente fonte de ingresos para países desenvolvidos e en desenvolvemento", afirmou, mais engadiu que "non se pode alimentar a 6.000 millóns de persoas hoxe en día, e a 9.000 millóns en 2050 sen un uso sensato de produtos químicos", dixo Diouf.
A capacidade da orgánica "non é suficiente"
Case 31 millóns de hectáreas, aproximadamente o 2% das terras agrícolas do planeta, foron cultivadas de forma orgánica en 2005, e xeraron unhas vendas duns 24.000 millóns de dólares (máis de 17.500 millóns de euros) en Asia, a UE, Estados Unidos e Canadá en 2006.
En maio pasado, a FAO celebrou unha conferencia internacional sobre agricultura orgánica. Un dos documentos presentados para o debate argumentaba que a agricultura orgánica podía producir alimentos de abondo para a poboación mundial actual.
Porén, segundo a axencia da ONU, os datos e modelos respecto da produtividade da agricultura orgánica, fronte á convencional, demostran que a súa capacidade non é suficiente para dar para comer a todo o planeta.
Uso axeitado dos fertilizantes
O uso adecuado de fertilizantes podería axudar a aumentar significativamente a produción alimentaria no África subsahariana, onde os labregos usan menos da décima parte do utilizado polos campesiños asiáticos, recordou Diouf.
No entanto, os produtos químicos deben ser utilizados con coidado. "Cómpre elixir os apropiados, as cantidades adecuadas, e usalos de xeito correcto no momento oportuno", advertiu o director xeral da FAO.