Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Música clásica

Beethoven revive no Festiclass da Coruña

Este ciclo musical organizado pola Orquestra Sinfónica Galega ofrece dende o xoves cinco concertos con entradas a prezos reducidos.

Redacción - 17:35 11/12/2007
L.V. Beethoven

L.V. Beethoven

O Festiclass ofrece dende este xoves 13 unha serie de cinco concertos nos que se interpretarán as nove sinfonías de Beethoven. O Palacio da Ópera da Coruña é o lugar elixido para celebrar os recitais, aos que se poderá acudir por un prezo de entre 4,5 e 12,5 euros, a metade do habitual.

Con esta iniciativa, a Orquestra Sinfónica Galega (OSG) busca achegar á mocidade á música clásica e ao repertorio ofrecido polos seus propios músicos. Baixo o nome de Ruta Beethoven, esta agrupación ofrece un servizo de autobuses gratuítos para permitir aos interesados que teñan a entrada, desprazárense doadamente até o Palacio da Ópera.

O programa abrirase coa Obertura Coriolano e as sinfonías primeira e segunda, e xa no vindeiro ano, o 23 de xaneiro, interpretarase o Concerto para violín e a Sinfonía nº3, Heroica. O resto das sinfonías poderán escoitarse os sábados 2 de febreiro e 29 de marzo e o 3 de maio. Para este último concerto, a orquestra contará coa colaboración da soprano Emily Magee, a mezzo Lola Casariego, o tenor Will Hartmann e o barítono José Antonio López.

Os secretos de Beethoven
Baixo o título Beethoven porache os pelos de punta, a OSG ofrece a oportunidade a calquera que se achegue á súa páxina web, de coñecer un pouco máis ao xenio alemán a través dunha serie de arquivos en mp3 nos que o xornalista e escritor Antón de Santiago explica os seus aspectos menos coñecidos. Entre estes arquivos sonoros podemos atopar tamén as claves para entender cada unha das obras programadas ao longo dos cinco concertos que ofrecerá o Festiclass.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Palacio da Ópera coruñés
Palacio da Ópera coruñés