Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O POETA PRESENTOU AS SÚAS MEMORIAS EN COMPOSTELA

Marcos Ana, casa e corazón abertos

Fernando Macarro (Marcos Ana) pasou 23 anos nos infernais cárceres franquistas. E viviu para contalo, para contárnolo nos seus poemas e dende agora en Decidme como es un árbol, as súas memorias.

Marcos S. Pérez - 14:05 12/12/2007

Xesús Alonso Montero cualificou a visita de Marcos Ana a Compostela de "acontecemento trascendental", dixo que non sabía como presentalo, que lle estivera dando voltas durante días ás palabras que escollería para falar do poeta. Finalmente, despois de denunciar o xenocidio cultural e político que intentou levar a cabo a ditadura franquista nos seus cárceres que acollían nos anos corenta a medio millón de presos políticos: "tentaron matar a semente", dixo de Marcos Ana que "a democracia veu por xente como esta".

A conferencia de Fernando Macarro (alcumado Marcos Ana en homenaxe a seus pais, así chamados), tivo como escenario un salón de actos ateigado e emocionado no que se puido ver a Isaac Díaz Pardo na primeira fila, ou a Avelino Pousa Antelo aplaudindo como un rapaz. O poeta quixo que estes aplausos fosen dirixidos non a el "eu fun un máis dunha xeración, a dos vencidos" senón aos heroes anónimos (aos "heroes escuros" nas súas palabras).

Relatos de torturas e resistencia

Marcos Ana relatou como soportou as torturas: "a única forma de resistir é con imaxinación, imaxinaba as miradas dos meus compañeiros, e prefería resistir a tortura a non poder mirarlles aos ollos por telos delatado". Relatou tamén a presión constante que soportaban os condenados a morte, a intuición que chegaron a desenvolver, coñecendo pola forma en que os gardas tocaban as cornetas se ese día ía haber execucións ou non, ou a contar o número de fusilados polo número de tiros de graza que chegaban dende os montes próximos. Unha morte que sempre estaba presente, e que por iso chegou a converterse nun tema cotiá, familiar, co que mesmo se facían chotis, que Marcos Ana comezou a cantar na conferencia: Es la Pepa (a morte) una gachí, que está de moda en Madrid, y siente predilección por los rojillos...

O poeta falou tamén das alegrías da cadea, dos compañeiros, "que repartían o pan e a fame", das familias, o verdadeiro talón de aquiles dos presos: "sufrían máis polas familias que por eles mesmos", e das mulleres: "mulleres pegadas aos muros como enredadeiras vivas". E falou das tretas que chegou a desenvolver para sacar da cadea os seus poemas, que eran publicados na clandestinidade ou no exilio: "aos presos que estaban para saír á rúa aprendíalles de memoria dous ou tres poemas, que despois tiñan que repetir fóra. Ás veces trabucábanse, e por iso hai poemas meus que teñen versos cambiados, como remendos de tela vella".

O libro de memorias que ven de publicar, Decidme como es un árbol, fala de liberdade, porque os poemas que se escriben no cárcere "e España toda era un cárcere na ditadura" falan sempre de liberdade, como os seus xa famosos versos: La casa y el corazón nunca cerrados: que pasen los pájaros, los amigos, el sol y el aire.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcos Ana está presentando o seu libro de memorias 'Decidme como es un árbol'
Marcos Ana está presentando o seu libro de memorias 'Decidme como es un árbol'
Na conferencia Mini e Mero musicaron un dos poema de Marcos Ana
Na conferencia Mini e Mero musicaron un dos poema de Marcos Ana
O acto foi presentado por Xesús Alonso Montero e Carmen Carballo
O acto foi presentado por Xesús Alonso Montero e Carmen Carballo