Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os arcebispados, preocupados polo aumento da apostasía

Case un cento de galegos 'pasaron' da Igrexa este ano

As peticións de renuncia á relixión católica medraron considerabelmente nos últimos cinco anos en Galiza.

Redacción - 11:55 16/12/2007

Este ano case un cento de galegos e galegas formalizaron a súa renuncia á Igrexa, e nos últimos cinco anos os casos de apostasía disparáronse no país. Hai nada, mesmo a xustiza española recoñecía, por primeira vez, o dereito dos cidadáns a apostatar.

Aínda que moitos de nós fomos bautizados así nacemos (o que significa a nosa inmediata adscrición á fe católica), os cidadáns comezan a renunciar á relixión imposta dende o berce. Ás veces é por unha decepción persoal ou polo desacordo coas decisións que adoptan as autoridades da igrexa, como as recentes manifestacións públicas contra o dereito das persoas homosexuais a casar.

89 galegos e galegas desligados da igrexa en 2007
Daquela, sexa por unha razón ou por outra, este ano 89 galegos e galegas déronse de baixa da igrexa, cousa que comeza a preocupar aos arcebispados do país.

Aínda que a apostasía só implica unha anotación na marxe do rexistro bautismal na que se aclara que esa persoa abandonou a fe católica, (mentres o seu nome continúa nos rexistros bautismais), a efectos prácticos, o ou a apóstata queda excluído de participar nos sacramentos (non pode ser padriño ou madriña de bautismo e confirmación, non terá dereito ás exequias fúnebres e se nun futuro quere casar cunha persoa relixiosa, necesitará un permiso do bispo que lle toque).

Renunciando nos arcebispados
No Arcebispado de Compostela foi onde máis peticións de apostasía se recibiron este ano (57); seguido do de Lugo, onde se formalizan, de media, unhas 6 baixas ao ano. No de Vigo-Tui este ano déronse de baixa 11 persoas; no de Ourense 20 e no de Mondoñedo-Ferrol outras 10. Moitas das renuncias aínda están sen formalizar, xa que se trata dun proceso complicado: hai que facer moito papeleo, buscar a certificación de bautismo e logo entrevistarse cun representante do arcebispado, na presenza dun notario, que case sempre tentará convencerte para que quedes.

Ao comezo por non pagar, mais agora tira a ideoloxía
Dende o ano 2004 as renuncias á chamada fe católica aumentaron ben. Antes os casos de apostasía eran raros, e limitábanse, sobre todo, a emigrantes galegos en Alemaña, onde se cobraba un imposto para financiar as distintas relixións. Para non pagalo, moitos deles declarábanse non crentes.

Agora as cuestións morais e ideolóxicas tiran máis, aínda que turrar contra a igrexa nunca foi fácil.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un debuxo apóstata / Flickr: Michael Henderson
Un debuxo apóstata / Flickr: Michael Henderson
Unha manifestación polo matrimonio homosexual na que se reivindica a apostasía / Flickr: Brocco Lee
Unha manifestación polo matrimonio homosexual na que se reivindica a apostasía / Flickr: Brocco Lee
Forges e maila apostasía
Forges e maila apostasía