Comprometéranse até en dúas ocasións a votar a favor do proceso de consolidación de emprego, pero finalmente abstivéronse.
Ao mesmo tempo que denuncian a presunta manipulación partidista do ente, desde o PPdeG bloquean reformas que contribuirían a reducir a capacidade de influencia do Goberno na cadea pública de radio e televisión. Tal é o paradoxo que se está producindo estes días no Consello de Administración da CRTVG.
Durante moito tempo considerouse que a elevada porcentaxe de traballadores temporais era un dos mecanismos que lle axudaba ao executivo a manter un control estreito da CRTVG. Esa porcentaxe é na actualidade dun 40%, e os sindicatos levan tempo criticando a "precariedade" e "ilegalidade" na contratación que implican as prácticas que se manteñen na televisión e na radio públicas desde hai anos. Os traballadores consideran que a estabilización de emprego axudaría a reducir a presión política sobre a CRTVG, pero desde 1992 non se volveu realizar ningún proceso de oferta de emprego público.
"Estrano" trasacordo do PPdeG
Durante catro meses, o PPdeG calou mentres se negociaba o novo convenio colectivo, cambios no réxime retributivo e a decisión de aprobar unha convocatoria extraordinario para a consolidación de emprego na CRTVG. "Agora chegáramos a unha solución aceptábel, razoábel e xustificada", conta para Vieiros o presidente do Comité Interempresas, Santiago Alvite.
Paradoxalmente, e despois de aseguraren que votarían de xeito favorábel ao proceso, os seis representantes do PP abstivéronse na votación, conscientes de que a maioría necesaria de nove votos impediría que saíse adiante. Forman parte deste órgano en representación do grupo parlamentario do PPdeG: Xoán Carlos Iravedra, Xesús Pérez Varela, Ana Peón, Mar Sánchez, Esther Regueiro e Manuel Jiménez. PSdeG e BNG contan respectivamente con 4 e 2 representantes.
Peche durante a tarde do martes
Na segunda ocasión en que se levaba a votación o tema, tamén con compromiso do PP de que aceptaría e posterior abstención, os traballadores decidiron concentrarse diante da sede do Consello de Administración. Finalmente, pecháronse nas instalacións e impedíronlle a saída aos representantes dos partidos entre as 17h30 e as 22h do martes.
Alvite denuncia a "estratexia política de confrontación" que estaría aplicando o PPdeG con este asunto, teimando en manter o conflito no tempo e anuncia novas mobilizacións no caso de que non se solucione o problema. O pacto para a oferta pública de emprego e procedemento de acceso foi asinado polos sindicatos CCOO, USO, CIG e UXT. O 70% dos traballadores ratificou en asemblea os acordos.
Así, o Comité afirma que a "extravagante" posición do PP no Consello é un feito "grave" que na práctica "impide o dereito básico á negociación colectiva que lle corresponde exercer aos representantes dos traballadores".