A revista incorpora ao debuxante chileno Alberto Montt
O primeiro número estivo consagrado ao urbanismo e á vivenda; o segundo ás obras da Cidade da Cultura, cunha portada protagonizada por Ánxela Bugallo e Emilio Pérez Touriño. A revista Retranca segue debullando a actualidade galega con humor, cunha nova entrega que chegará aos quioscos do país a partir do día 12.
Entre as novidades, destaca a incorporación do debuxante chileno Alberto Montt, un seguimento a fondo da Comisión de Investigación da Cidade da Cultura, e oito novas páxinas do xornal A Nosa Pedra. Ademais, as seccións habituais de Xaquín Marín, Pestiño+1, Miguelanxo Prado, Andrés Meixide, Jacobo Fernández e do propio Kiko da Silva, director da revista.