Velaí algunhas das receitas do recente estudo "A economía de Galicia: diagnóstico estratéxico", feito público esta semana.
Ollo coa "autocompracencia". Subliñouno o profesor Emilio Ontiveros, do grupo Consultores de Administracións Públicas, durante a presentación do estudo patrocinado pola entidade financeira La Caixa que fai diagnose da economía do país. Na súa opinión, sería un erro deixarse levar polas inercias e confiar en que por si sós os números da converxencia seguirán cadrando nos próximos meses e anos. Por iso, chamou a "non baixar a garda" e aumentar a aposta pola economía "do coñecemento".
O informe sinala especialmente a necesidade de que Galiza fortaleza "a capacidade para asumir riscos e para emprender", estimulando a iniciativa por desenvolver proxectos empresariais. Dixo Ontiverons que o país require dun "ambiente moito máis propicio para que emerxan novos empresarios", co fin de que "talentos novos" asuman riscos "coa vontade de conseguir un oco propio nos mercados".
Entre outras recomendacións, o estudo fala da oportunidade que chega coa crecente incorporación da inmigración á poboación activa, favorecendo "unha mellora do dinamismo poboacional". Sinala ademais a necesidade de atraer as segundas xeracións de emigrantes galegos, favorecendo que desenvolvan actividades emprendedoras en Galiza.