Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A Xunta ten agora tres anos para a limpeza

A UE confía no plan de saneamento da ría de Vigo e aparca a sanción

O plan deseñado pola Consellaría de Medio Ambiente convenceu os técnicos europeos, polo que se clausura o expediente aberto. O conselleiro aproveitou para comparar a resolución deste caso co "abandono total" dos anos de goberno do PP.

Redacción - 09:00 12/12/2007

De concluír con éxito o proceso, o gasto de 209 millóns de euros nos próximos anos garantiría a limpeza da ría de Vigo para o ano 2011. A Comisión Europea considera que o programa de redución de contaminación elaborado pola Xunta contempla todos os factores necesarios e servirá para o control de todo tipo de vertidos e fontes de contaminación. Do éxito na execución do programa dependerá que non xurdan novas accións por parte da administración europea.

O Goberno aforra así o que segundo algúns cálculos puido rematar en multa de até 20 millóns de euros, despois da sentenza que en decembro de 2005 condenaba o incumprimento dun artigo da directiva europea sobre calidade das augas. Do total de 209 millóns de euros, vanse destinar 12 millóns para a redución das descargas microbiolóxicas na ría de Vigo e outros 197 millóns para a mellora da calidade das augas. O orzamento da depuradora para a ría de Vigo podería ascender finalmente a 180 millóns de euros.

En declaracións a Europa Press, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, recordou que o procedemento para multar a España por incumprir a lei de calidade de augas na Ría de Vigo "vén de moitos anos atrás" e o trámite se atopaba no seu "tramo final", polo que criticou a falta de compromiso ambiental do Executivo de Manuel Fraga. "En dous anos conseguimos parar a multa e tamén a deterioración da Ría de Vigo", aseverou.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: