Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
As consecuencias das alteracións climáticas

Queren encher o Ártico de urbanizacións

A rexión polar é un novo imán para as empresas que queren aproveitar o desxeo para saquear os recursos enerxéticos do subsolo. O prezo das vivendas tamén se dispara aquí.

Redacción - 11:15 11/12/2007
O desxeo, fotografado por loloflckr (Flickr)

O desxeo, fotografado por loloflckr (Flickr)

É unha das rexións máis inhóspitas do mundo, cuberta de neve e xeo permanentemente, onde as temperaturas non soben dos cero graos na vida e onde, polo menos unha vez ao ano, é noite durante 24 horas seguidas.

Tamén é unha zona pouco poboada, pero os seres humanos habitan nela dende hai séculos e agora andan a rifala entre as grandes empresas. Por que? Pois porque o quecemento global podería abrir o acceso a enormes reservas de gas e petróleo que existen, quedas, debaixo de centos de capas de xeo.

Todos andan a pedir o seu pedazo de xeo
Dos oito países que teñen terreo propio no ártico, cinco -Rusia, Canadá, Noruega, Dinamarca (con Grenlandia) e os EUA (con Alaska)- reivindicaron a zona xa pensando no que pode acontecer.

Como resultado disto, e como acontece case sempre, os prezos da vivenda andan subindo, e todo o mundo (a xente que leva na zona anos e os que acaban mesmo de chegar) se amosa ansioso por tirar proveito das oportunidades futuras de negocio.

Un exemplo, Rusia
Rusia ten a meirande presenza no Ártico, cunha costa norte que se estende ao longo de sete faixas horarias. Nelas viven unha mestura de tribos indíxenas (Evens, Evenks, Komis, Nenets, Yakuts e Chukots), mais a presenza rusa medrou grazas ao desenvolvemento industrial. Hai aínda áreas virxes, mais existen tamén unhas poucas cidades que empregan como motor do seu crecemento o petróleo, a pesca, as minas de diamantes ou o exército.

A vida na zona non é fácil (os subministros chegan vía helicóptero, o duplo de caros que no continente, vai frío...), mais a economía local medrou considerabelmente, o que fai que a xente comece a gastar cartos (moitos cartos) en vivendas como os enormes kottenzhi (casas de campo en vilas costeiras que chegan a custar arredor do 1.021 euros por metro cadrado).

Outro, Canadá e os EUA
Canadá ten varias cidades no ártico listas para se beneficiar do boom do petróleo, o gas e a minería. Hai uns 50 anos comezou a ser poboada a rexión ártica canadende a través dun programa gobernamental, mais agora existen cidades coma Yellowknife, ao sur do Círculo Polar. Esta cidade é a principal produtora de diamantes de alta calidade do Ártico canadense e experimentou, nos últimos anos, unha importante afluencia de traballadores e artesáns, pasando a súa poboación dos 16.500 habitantes en 2001 até os 19 mil actuais.

Mentres, nos EUA, a xente mantense na zona do Ártico gañando cartos para poder marchar algún día, o que fai que non merquen propiedades na zona, mais os prezos dos alugueres tamén andan disparados (os pisos dun cuarto custan de media 730 dólares ao mes, mentres que as vivendas familiares chegan aos 1.500 dólares).

Os renos venden
En Noruega e Dinamarca dedícanse ao turismo, porque a rexión escandinava do Ártico (grande coma Inglaterra e Escocia xuntas) é o fogar dos Sami, os pastores de renos (aínda que só hai uns poucos que sigan co traballo tradicional). Na zona os salarios están altos, así como o prezo da vivenda.

Aló tamén vive o famoso Santa Klaus, ou Papá Noel ou Pai Nadal, ou como se queira (na cidade de Rovaniemi, na Laponia finesa), que todos os invernos recibe a medio millón de turistas de todo o continente.


3,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: